
Vigo | O vindeiro martes 14 de xullo ás 11.00 h, o alumnado e comunidade educativa do Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSM Vigo) mobilizarase polo centro da cidade de Vigo en sinal de protesta pola última modificación da Relación de Postos de Traballo (RTP) anunciada pola Xunta.
Segundo denuncian, a amortización de dúas prazas de persoal de administración e servizos (PAS) podería provocar a reducción do horario de apertura do conservatorio das actuais 14 horas diarias a tan só 7 horas, imposibilitando o estudo a centos de estudantes e a súa programación cultural, coma o Festival Nas Ondas.
Sobre a mobilización
Esta protesta desenvolverase en dúas partes. Ás 11.00h haberá varias concentracións simultáneas de carácter artístico na rúa do Príncipe, na que os participantes traerán o seu propio instrumento e interpretarán diferentes obras musicais, un acto simbólico co que queren evidenciar que se xa non poden estudar no conservatorio, o farán na rúa.
Posteriormente, os participantes agruparanse e realizarán unha batucada ás 12:15 na Farola de Urzaiz. Ás 12:30 partirán en formación de pasarrúas ata a Praza da Estrela, onde concluirá a protesta frente ao edificio da Delegación da Xunta en Vigo, onde se concluirá a mobilización coa lectura dun manifesto. A protesta contará co apoio de organizacións estudiantís como Erguer e Fervenza Estudiantil, ademais de sindicatos coma CCOO e CIG.
Paralelamente, para tratar de remediar a situación, púxose en marcha unha campaña de recollida de sinaturas en change.org, co obxectivo de frear esta medida.
O por que tras esta protesta
O motivo desta protesta xorde da publicación no 3 de xuño de 2026 da última modificación da Relación de Postos de Traballo (RTP) que amortizou dúas prazas de persoal de administración e servizos (PAS) do CSM Vigo. Debido a isto, esta decisión supón a redución do horario semanal de apertura. Esta medida afecta a numerosos estudiantes que utilizaban as instalacións do centro para o seu estudo persoal, coma é o caso de pianistas e percusionistas. Ademais, a labor do conservatorio vai máis alá da formación académica, sendo un pilar fundamental na vida cultural musical da contorna.
Pese a ser o CSM Vigo o único centro público de ensinanzas artísticas superiores do sur de Galicia, o diálogo institucional con Ana Ortiz, delegada da Xunta de Vigo, foi denegado, unha decisión que representa a actitude da administración fronte ás preocupacións expresadas pola comunidade educativa. Isto demostra unha vez máis o desequilibrio territorial existente entre o norte e o sur de Galicia en materia de oferta cultural e educativa.
A comunidade educativa denuncia igualmente a persistente indefinición da Xunta sobre a natureza institucional do Conservatorio Superior de Música de Vigo. A administración non aclara se o centro debe ser tratado como unha ensinanza de secundaria, universitaria ou doutra natureza específica, unha falta de criterio que se reflicte directamente na planificación e dimensionamento do seu persoal e dos recursos necesarios para garantir un funcionamento adecuado.
O alumnado solicita á Xunta de Galicia a revisión inmediata desta modificación da RPT, a apertura dun proceso de diálogo real coa comunidade educativa e a adopción das medidas necesarias para garantir o funcionamento normal do Conservatorio Superior de Música de Vigo, unha institución imprescindible para o desenvolvemento educativo, artístico e cultural do sur de Galicia.




