Os GALP galegos celebrarán un seminario sobre realidade virtual nos museos

O próximo 11 de xuño na localidade coruñesa de Muros

Muros | O proxecto Pasaporte REMA achega a cultura do futuro aos museos. Para iso, a fábrica de Sel en Muros (A Coruña) acolle o venres, 11 de xuño, ás 10 horas un seminario para mellorar a experiencia dos visitantes aos museos mediante o uso da Realidade Aumentada e Virtual, entre outras tecnoloxías.

“A charla estará a cargo da startup galega Xoia Extending Reality, creadora do primeiro museo 100% virtual en España”

A charla estará a cargo da startup galega Xoia Extending Reality, creadora do primeiro museo 100% virtual en España. O seu CEO, Xoel Vázquez explica que “o Museo 4.0 pode proporcionar unha experiencia auténtica e personalizada; que se inicia antes da propia visita ao espazo físico”.

O mapeo interior no deseño das salas ou o uso de sensores e beacons, que son pequenos dispositivos con tecnoloxía bluetooth que permiten a comunicación automatizada; son outros exemplos de avances tecnolóxicos sobre os que falará durante o seminario.

“Os membros da Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico (Rede REMA), composta por 31 museos localizados en Galicia, Portugal e Asturias, están convidados a participar no evento”

Os membros da Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico (Rede REMA), composta por 31 museos localizados en Galicia, Portugal e Asturias, están convidados a participar no evento. Ademais, calquera persoa ou institución interesada en poñer en valor o patrimonio mariñeiro atlántico europeo pode asistir ao seminario.

As persoas interesadas en acudir deben realizar previamente a súa inscrición a través do correo electrónico: info@redrema.eu. A charla poderá seguirse tamén de forma virtual. Ao público que non poida acudir de forma presencial, facilitaráselles a ligazón para iso.

Pasaporte REMA
Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada á nova realidade. Para iso, o proxecto persegue a implementación das TIC como canle para a información, aprendizaxe e formación dos visitantes e para a promoción da oferta cultural dispoñible nos espazos da Rede REMA.