• Segue conectado
  • |

Os candidatos do BNG de Mos e do Porriño reforzarán a colaboración entre ambos concellos

Gustavo Barcia e Pedro Pereira incorporarán aos seus programas medidas conxuntas sobre servizos públicos, medio ambiente e infraestruturas


O Porriño/BNG | Os candidatos do BNG ás alcaldías de Mos e do Porriño, Gustavo Barcia e Pedro Pereira, mantiveron unha xuntanza para coordinar a incorporación de medidas conxuntas aos seus respectivos programas. O obxectivo deste encontro, segundo Pereira, foi “avanzar nas reivindicacións comúns de ambos concellos e definir as áreas de traballo nas que é preciso reforzar a colaboración”. Bos exemplos disto son, na súa opinión, a xestión integral da auga ou a posta en valor do río Louro e as súas marxes, onde é preciso “avanzar xuntos cara á plena recuperación dos seus valores naturais”.

Ambos candidatos coinciden en que “A Louriña precisa gobernos do BNG que garantan bos servizos públicos e acaben co malgasto”

En materia de infraestruturas, os candidatos apostan por facer forza unidos ante as distintas administracións para acadar algunhas melloras que a veciñanza leva reclamando dende hai décadas. Sobre esta cuestión, Barcia cre que é imprescindible “reivindicar, cunha soa voz, a construción dunha variante á autovía A-55” e neste sentido, a aposta do BNG segue a ser “a construción dun túnel que reduza o impacto crecente do tráfico no concello de Mos”. Os dous candidatos defenden tamén a necesidade de desbloquear a área metropolitana de Vigo e fixar con claridade cales son os servizos que os concellos deben ceder ao ente supramunicipal.

“Garantir bos servizos públicos”
Tanto Barcia como Pereira están convencidos de que o BNG obterá un gran resultado nos concellos da Louriña o próximo 26 de marzo. “A veciñanza quere concellos pensados para as persoas e cando o BNG gobernou no Porriño demostrou que é posible facer as cousas doutra forma”, indica Pereira. Os gobernos do BNG, segundo Barcia, “garanten bos servizos públicos, acaban co malgasto e xestionan as contas municipais de forma transparente” e isto, segundo o candidato á alcaldía de Mos, “é precisamente o que demanda neste momento a xente da Louriña, porque nos últimos mandatos tanto Mos coma O Porriño foron exemplos de todo o contrario”.

Publicado o 24 Abr 2019 en O Porriño, Política, Portada.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies