Os anos non pasan en balde.

Na medida en que un vai cumprindo anos, eu veño de facelo apenas uns días atrás, a mente vaite levando sen querer ou querendo, iso xa é máis difícil de saber, a lembrar os momentos da túa nenez, da túa mocidade e, logo, de cando xa comezaches a pintar ruzas.

Falar en pleno século XXI de como se vivía apenas rematada aquela guerra que chamaron civil, aínda que de civil non tivese nada, resulta, ao tempo que triste, tamén por que non dicilo, reconfortante. Volver a vista atrás con certa tranquilidade como podo facer eu nestes momentos, permite comparar aquel “malvivir” da posguerra cos excesos destes momentos. Pero que ocorreu durante esta longa travesía que separa os anos 40 do século pasado dos actuais?

Ocorreron tantas cousas que, obviamente, precisaríamos toda unha enciclopedia para poder abarcalas. Non é este o lugar, está claro, pero si pode ser, no meu caso, para facer unha especie de balance, de resumo histórico da toda a miña vida ata estes momentos. Non se trata de contarlles as miñas “idas e vidas”, que diría o poeta, senón de lembrar o que sempre pode ser beneficioso, como discorreron aqueles anos, que a xente denominaba “anos da fame” para, dalgún xeito, comparalos cos actuais.

Tranquilos que non vou martirizalos coas miñas tolerías, non; trátase, simplemente, de volver a vista atrás nestes momentos en que se nos está a ofertar a “volta a Sorrento”, que dicía a canción, como se fose a panacea, a solución a todo.

Lembrar os tempos vividos pode resultar beneficioso para non repetilos, no caso de que non fosen agradables, e tamén para comprobar se temos avanzado ou, pola contra, apenas melloramos as nosas vidas; non tanto o noso vestiario, os nosos garaxes, as nosas viaxes; senón, máis ben, como melloramos as nosas familias, os nosos traballos, etc. E, moito me temo, que se esa mirada se fai con honestidade, teñamos que entoar un mea culpa de como chegamos ata aquí.

“Lembrar os tempos vividos pode resultar beneficioso para non repetilos, no caso de que non fosen agradables, e tamén para comprobar se temos avanzado ou, pola contra, apenas melloramos as nosas vidas”

Porque mellorar melloramos, obviamente. Profesionalmente na maioría dos casos tamén progresamos; viaxamos polo mundo; cousa que daquela resultaba ilusoria, coñecemos xente e aumentamos os nosos coñecementos de todo tipo. Isto resulta innegable. Pero, realmente, cren vostedes que podemos botar foguetes de como está discorrendo a vida dos nosos fillos e netos? De verdade, cren que o panorama que se lles presenta resulta satisfactorio? Cren que hoxe os mozos e mozas que entran na puberdade e mesmo os que están xa na idade de traballar teñen un horizonte despexado, sen nubarróns que poidan quitarlles o sono? Eu, sinceramente, véxoo bastante escuro, por non dicir negro.

Asistimos indefensos a manifestacións de forzas políticas que parece que esqueceron o que foron os anos da fame. Tal vez porque nas artesas das súas casas sempre houbo un cacho de pan; pero nunha grande maioría iso era todo un luxo. Sempre existiron “os fillos de papá”, que non tiveron problemas de ningún tipo. Hoxe seguen sen telos porque herdaron mentres que a maioría non tiña nada que herdar. Pero aínda así, o panorama non se lles presenta demasiado atractivo. Os seus pais, mellor dito, as súas nais, non tiveron que saír da casa cun saco debaixo do brazo para encher con anacos de pan duro que lles ofrecían nas aldeas da contorna. As famosas pericas que hoxe lembramos como algo folclórico cando foi algo triste.

“Asistimos indefensos a manifestacións de forzas políticas que parece que esqueceron o que foron os anos da fame”

Presenciamos un feroz enfrontamento entre políticos que naceron onte, coma quen di; que viviron baixo o abrigo de familias que se adaptaron estupendamente aos últimos anos deste país porque viñan cun pan debaixo do brazo. Con todo, o porvir non se lles presenta nada prometedor. Terán que pelexar duro entre eles porque “o pastel” vaise reducindo a unha velocidade de cruceiro… Non vai chegar para todos. As máquinas, que non teñen corazón, son implacables. En poucos anos xa nin sequera precisarán que un humano lles dea ordes: serán autónomas.

Os vellos crecemos a unha vertixinosa velocidade non prevista nos cálculos mercantilistas da dereita deste país. Seguramente estarán pensando nalgún tipo de “elixir” que nos vaia levando cara a ese mundo ignoto que todos estamos desexando coñecer; eu o primeiro, para saber se de verdade o vivido mereceu a pena ou se todo vai quedar debaixo dun terrón, porque a esta velocidade nin sequera se nos vai ofertar un “camposanto con flores”.

Desculpen se neste meu 86 aniversario me puxen un tanto melancólico; pero creo, que no fondo saben que teño razón. De calquera xeito, eu si lles desexo unhas felices vacacións ou, no caso de non poder gozalas, que sexan felices cos seus e entre os amigos que lles vaian quedando.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.