Obras de reforzo do firme da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba

A Xunta inviste máis de 1 millón de euros nestes traballos

Lugo | A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade avanza a bo ritmo nas obras de reforzo do firme da autovía AG-64 (Ferrol-Vilalba) na provincia de Lugo, que prevé rematar a finais de mes.

Neste momento estanse repoñendo as capas máis profundas do firme naqueles puntos onde foi retirada; posteriormente, procederase á reposición do pavimento na capa de rodadura e da sinalización horizontal, traballos que están previstos para as próximas semanas.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Xunta inviste máis de 1 millón de euros nestes traballos, que afectan a un tramo de 13,4 quilómetros entre o enlace de Cabreiros, punto quilométrico 42+500, e o final na intersección coa Autovía do Cantábrico A8, no 55+900. O tráfico está a ser desviado pola estrada autonómica LU-861.

Esta segunda e última fase da obra afecta aos carrís de circulación en sentido Ferrol, logo de que hai uns meses se completara o arranxo da estrada en sentido Vilalba. As características da actuación fan necesaria a súa execución en condicións axeitadas dende o punto de vista meteorolóxico.

O obxecto das obras é mellorar as condicións de confort e seguridade para os usuarios da estrada. En concreto, rehabilítase o firme nos puntos que presentan carencias para prolongar a vida útil do pavimento, mediante o fresado e reposición con mestura bituminosa en quente ou o seu recrecido con microaglomerados, segundo as necesidades.

Ademais, como actuacións complementarias executarase o repintado da sinalización horizontal e unha mellora puntual da drenaxe.