O Xulgado autoriza o pago a provedores bloqueado polos grupos da oposición

Salceda de Caselas | O Xulgado Contencioso Administrativo Nº3 de Pontevedra ven de homologar o acordo transaccional acadado entre o Concello de Salceda de Caselas e a Asociación de Provedores, que vai permitir o pagamento dos 998.883,87€ bloqueado ata o de agora polos grupos da oposición de Salceda (PP e PSOE).

A Asociación de Provedores/as do Concello de Salceda de Caselas, logo da negativa de PP e PSOE para aprobar as súas facturas en Pleno, tivo que presentar de novo un recurso contencioso administrativo reclamando o cobro das súas débedas o pasado 15 de marzo, que foi admitido a trámite o 21 do mesmo mes. O 22 de marzo chegábase a un acordo transaccional entre o Concello e a Asociación de Provedores, para que o pagamento do adebedado puidese facerse canto antes, presentando dito acordo ante o Xulgado o día 26. Tan só dous días despois, o 28, a xuíza encargada do caso emitiu a homologación do acordo transaccional, establecendo un prazo de dez días para que o Concello realice o pago das facturas pendentes. O acordó entre as partes vai supoñer o aforro dos xuros de demora e as custas xudiciais.

Ponse así fin ao bloqueo por parte dos grupos da oposición (PP e PSOE), que impediron cos seus votos que os provedores e provedoras puidesen cobrar polos traballos xa realizados, tal como xa acontecera en anos anteriores. Curiosamente tamén os grupos municipais do PP e o PSOE van cobrar a través deste recurso xudicial, xa que entre os pagos pendentes tamén están as aportacións do Concello por grupos políticos, polo que o que PP e PSOE vetaron mediante voto en contra no Pleno, acéptano agora a través da homologación xudicial.

Dende o Equipo de Goberno de Salceda (Movemento Salceda) lamentan que a cuestión tivese que rematar por vía xudicial unha vez máis “polo afán de bloqueo da acción de Goberno por parte de PP e PSOE” Así mesmo, agradeceron a confianza dos provedores e provedoras “a pesar da actitude irresponsable do PP e o PSOE” .

O Alcalde, Marcos Besada, manifestou que “PP e PSOE queren gobernar o Concello dende a oposición e basean a súa laboura de oposición na acción de bloqueo ao Goberno. O que fixeron cos provedores e provedoras do Concello por terceira vez foi verdadeiramente surrealista, impedíndolles cobrar polos traballos realizados. A Xustiza, unha vez máis, avalou a reclamación dos preovedores e provedoras, como non podía ser doutro xeito”.