O xenocidio de Gaza será abordado ante o Parlamento Europeo

Conferencia coorganizada pola eurodeputada Ana Miranda (BNG) coa participación de Galiza Por Palestina e a Asociación Galaico Árabe Jenin

Aldea Global | Os vindeiros 28 e 29 de abril no Parlamento Europeo abordarase o xenocidio que se está producindo en Gaza nunha conferencia coorganizada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, xunto a outros eurodeputados do grupo Verdes-Alianza Libre Europea e que conta co apoio da Fundación pola Paz Bertrand Russell.

“Nun contexto político complexo, no que se están producindo graves violacións dos dereitos humanos en Gaza, nesta conferencia contaremos cun amplo panel de persoas expertas, xuristas académicas, xornalistas, activistas e superviventes de diferentes partes do mundo, unidas no seu compromiso coa verdade e a xustiza en Palestina”, explica Ana Miranda, quen defende, xunto aos eurodeputados Mounir Satouri e Jaume Asens e a eurodeputada Benedetta Scuderi, a necesidade urxente de promover a xustiza e a rendición de contas a nivel internacional.

Esta conferencia, que aspira a romper o silencio institucional e alzar unha voz colectiva pola xustiza e a dignidade do Pobo Palestino, contará cunha delegación galega integrada por Samir Ashourd e Sarah Ashourd, da Asociación Galaico Árabe Jenin, e Anxela Gippini e Xoan Gabeiras, de Galiza Por Palestina. Precisamente Samir Ashourd conseguiu trasladar a súa nai a Galiza desde Gaza a semana pasada, tras sufrir durante meses os bombardeos do exército israelí vivindo nunha tenda de campaña.

Respecto ao dereito internacional
A realización deste evento prodúcese nun momento no que as institucións europeas e a maioría dos Estados Membros non só non recoñecen a gravidade da situación en Palestina senón que seguen proporcionando axuda política, militar e comercial a Israel a pesar das acusacións de xenocidio e outros crimes na Corte Internacional de Xustiza. Ademais, o propio Benjamin Netanyahu —sobre quen pesa unha orde de arresto emitida pola Corte Penal Internacional por crimes de guerra e crimes contra a humanidade— continúan viaxando libremente por Europa, como demostra a súa recente visita a Hungría. “Temos que amosar toda a nosa oposición a estes feitos, cínicos e de falta de respecto ao dereito internacional”, manifesta a eurodeputada galega.

Entre as principais relatoras da conferencia destacan:
Francesca Albanese, que é avogada internacional e Relatora Especial da ONU para os Territorios Palestinos ocupados desde 1967, recoñecida pola súa firme defensa dos dereitos do pobo palestino e do dereito internacional.

Noura Erakat, profesora da Universidade de Rutgers, avogada e activista palestina, autora do libro premiado Justice for Some, cofundadora de Jadaliyya e recoñecida internacionalmente polo seu traballo en materia de dereitos humanos e xustiza para Palestina.

Ilan Pappé, historiador israelí e profesor da Universidade de Exeter, coñecido pola súa aproximación crítica á historia israelí e por denunciar a limpeza étnica de Palestina en 1948, tese que expón no seu libro A limpeza étnica de Palestina.

Raji Sourani, avogado palestino e director do Centro Palestino de Dereitos Humanos, recoñecido pola súa incansable defensa dos dereitos humanos en Gaza e por esixir xustiza polos crimes do conflito israelí-palestino.

Tanya Haj-Hassan, médica de coidados intensivos pediátricos e defensora dos dereitos humanos cunha destacada traxectoria en zonas de conflito como Gaza, onde cofundou Gaza Medic Voices para amplificar as voces dos traballadores sanitarios palestinos.

Olga Rodríguez, xornalista e escritora especializada en información internacional, dereitos humanos e Oriente Medio. Cubriu conflitos e movementos sociais en países como Iraq, Exipto, Siria e Palestina, ofrecendo análises profundas sobre guerra, migración e xeopolítica.

O programa completo pode consultarse na web oficial da conferencia: https://www.shouldwecallitgenocide.eu/gl/information e para seguir o evento en directo poderase facer a través da seguinte ligazón:
https://www.shouldwecallitgenocide.eu/gl/how-to-join

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.