O tudense Clube de Natación Baixo Miño estrea a piscina pre-olímpica das Neves

Ao estar pechadas as de Tui, Salceda, Salvaterra e Mondariz

As Neves | Grazas a un acordo co Concello, dende o pasado día 8 de agosto, os integrantes do Clube Baixo Miño de Natación, de Tui, están adestrando na piscina municipal das Neves. As nadadoras e nadadores dispoñen da pileta unha hora diaria, de 11:30 a 12:30 h.

A piscina das Neves, de dimensións preolímpicas, é a única que poden utilizar estes deportistas logo de que as de Tui, Salceda, Salvaterra e Mondariz permanezan pechadas este verán.

Así mesmo, o Concello das Neves extremou as medidas para o uso das piscinas municipais. En primeiro lugar, so se permitirá o acceso con reserva previa, que pode facerse entrando en reservapiscinas.asneves.gal; o aforo do espazo das piscinas está limitado ao 50% -cun máximo 100 persoas: 75 na piscina grande e 25 na piscina pequena-; os vestiarios permanecen pechados e é obrigatorio o uso de máscara no recinto.

As instalacións estarán abertas durante todo o verán, coa previsión de pechar, se o tempo o permite, o 12 de setembro. O horario de apertura é de 15:00 a 21:00 h.