O río Tea acolle unha solta de alevíns de salmón

Ao abeiro do proxecto Migramiño

Ponteareas | Ponteareas continúa achegando o seu gran de area ao proxecto Migramiño, unha iniciativa que busca mellorar a protección e xestión sostible do espazo natural da fronteira que conforma a subconca internacional do Miño, incluíndo os seus afluentes.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila; a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo; e a edil de Infraestruturas básicas, Lola Covelo, acompañaron este luns á directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Belén do Campo, na visita á área recreativa da Freixa, onde se procedeu a unha solta de alevíns de salmón.

O concello de Ponteareas participou “de forma moi activa” neste proxecto que contou con fondos Feder e no que se traballou dende o ano 2017 con Portugal para protexer e conservar as poboacións de peixes migradores na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e que puxo en valor o papel clave que xogan os ecosistemas fluviais como corredores ecolóxicos. En total, ao longo de todo o proxecto liberáronse máis de 100.000 xuvenís de salmón e 1.600 quilos de anguías no tramo internacional do río Miño.

Ao longo dos catro anos de duración do proxecto, Ponteareas colaborou “con moitas ganas e ilusión nesta iniciativa que procura mellorar a accesibilidade eliminando obstáculos, para inventariar especies, controlar invasoras ou realizar estudos sobre a diversidade piscícola, entre outras cousas”, salientou a edil ponteareá.

Outros artigos