O Revenidas e Turismo Rías Baixas despiden o 2020 con tres showcookings en streaming

Poñendo en valor un dos piares fundamentais do festival: a gastronomía.

Vilaxoán de Arousa | O Revenidas quere despedir o ano poñendo en valor un dos piares fundamentais do festival: a gastronomía. Como na súa última edición non puido celebrarse a tradicional “Sardiñada Revenidas” en Vilaxoán, o festival pon en marcha esta iniciativa coa que quere apoiar o produto e a hostelería das Rías Baixas.

Consistirá na emisión en streaming, hoxe martes 29 de decembro ás 20h00, de tres showcookings en algúns dos restaurantes máis recoñecidos e emblemáticos do país: Maruja Limón (Vigo), As Eiras (Vilaxoán) e a Horta d’Obradadoiro (Santiago de Compostela). O menú consistirá en “peixe sapo á prancha en salsa de mexillóns rabiosos” preparado por Rafa Centeno, “raia en allada” preparada por Sefa e “pataca asada con paté cremoso de mexillón tigre e vieira duada”, que cociñarán Kike Piñeiro e Eloy Cancela.

O festival vilaxoanés alíase nesta ocasión con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra para levar a cabo esta iniciativa coa que buscan potenciar o consumo de produtos galegos e de km0 nestas datas tan especiais. Pero esta non é a primeira acción que levaron a cabo conxuntamente, dentro desta campaña tamén tiveron lugar en distintos momentos do ano os roteiros musicados pola vila -tanto por mar coma por terra- onde se puxo en valor a tradición oral e a cultura mariñeira da zona, o xogo de gamificación #apañaasardiña, unha conversa con mulleres relacionadas co mar “Muller tiña que ser”, ou o concerto en streaming de Su Garrido coa Ría de Arousa como escenario.

Preparándose para o inicio do novo ano, a organización do Revenidas xa artella as distintas accións e actividades que levará a cabo neste 2021, e desvela tamén as datas da súa próxima edición: 10, 11 e 12 de setembro en Vilaxoán de Arousa, sempre estudando distintas opcións e seguindo con atención a evolución da pandemia.