
Ourense | A súa Maxestade o Rei de España, Don Felipe VI, preside o Comité de Honra de Termatalia 2026 que se celebrará como feira completa en Ourense os días 24 e 25 de setembro. Esta aceptación supón un novo respaldo institucional á traxectoria da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, consolidada como un dos principais puntos de encontro internacional para os profesionais e destinos vinculados ao termalismo, a saúde e o benestar.
A presidencia do Comité de Honra de Termatalia mantense desde hai anos, primeiro con Don Felipe como Príncipe de Asturias e, posteriormente, como Rey de España. A comunicación oficial desta aceptación foi remitida pola Casa de S.M. o Rei a Manuel Pardo, presidente do Comité Executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense.
Esta distinción non implica a asistencia da súa Maxestade o Rei á feira, pero representa un importante recoñecemento institucional a un proxecto que converteu a Ourense nun referente internacional do termalismo e que fomenta a cooperación entre administracións, empresas e profesionais de España, Europa e América Latina.
Un encontro internacional para o sector termal
O auxe do termalismo como actividade turística, económica e vinculada á saúde fai cada vez máis necesaria a colaboración entre os sectores público e privado. Neste contexto, Termatalia 2026 volverá reunir en Ourense a destinos, empresas, profesionais e institucións vinculadas ao turismo de saúde e benestar, reforzando o seu papel como plataforma de coñecemento, promoción e xeración de oportunidades de negocio.
A última edición de Termatalia celebrada en Ourense como feira completa tivo lugar en 2024. A cita de 2026 supón, por tanto, o regreso da feira á súa sede ourensá despois da súa sexta edición internacional en América Latina, celebrada en Colombia en setembro de 2025.
Termatalia conta ademais co Sello de Internacionalidade concedido polo Ministerio de Economía, Comercio e Empresa do Gobierno de España, recoñecemento que avala a súa dimensión internacional e a súa capacidade para atraer participantes e xerar actividade económica máis aló das nosas fronteiras.
Termatalia, ponte entre España e América Latina
Ao longo da súa traxectoria internacional, Termatalia celebrou seis edicións en América Latina: Perú (2012), Arxentina (2014), México (2016), Brasil (2018), Uruguai (2023) e Colombia (2025). En todas elas contou co respaldo das principais institucións e axentes públicos e privados dos países anfitrións.
A última edición de Termatalia en América celebrouse en Colombia en setembro de 2025 e foi cualificada de “espectacular, a mellor das celebradas en América ata a data polo alto nivel de participación e polo incrible involucramento dos anfitrións locais”. Esta rotunda afirmación procede dos datos de participación e seguimento das accións formativas que incluían a participación de 55 expertos de 13 países, a asistencia presencial de 2.000 visitas, ás que houbo que sumar as 24.900 visualizacións que alcanzou o streaming do VI Congreso Internacional sobre Auga e Saúde. Os anfitrións de Termatalia Colombia 2025 (Fontur, Cotelco, Gobernación de Boyacá e Alcaldía de Paipa), cualificaron esta edición como “detonante no desenvolvemento termal da rexión” e mostraron a súa satisfacción polos resultados obtidos agradecendo a Termatalia o converterse nunha plataforma de difusión internacional do termalismo de Colombia en xeral e de Boyacá e Paipa en particular.
A dimensión institucional de Termatalia tamén se puxo de manifesto nas súas anteriores edicións internacionais. A edición do Uruguai 2023 contou coa declaración de Interese Turístico Nacional por parte do Ministerio de Turismo da República Oriental do Uruguai e foi inaugurada polo entón presidente da República, Luis Lacalle Pou. Foi a primeira ocasión na que un xefe de Estado participou nunha edición internacional da feira impulsada desde Ourense.
No Brasil 2018, celebrada en Foz de Iguaçu, Termatalia estivo presidida polo entón ministro de Turismo brasileiro, Vinicius Lummertz. En México 2016, a feira recibiu o recoñecemento do Congreso dos Deputados do Estado de Coahuila.
Así mesmo, a edición de Arxentina 2014 obtivo a declaración de Interese Turístico do Gobierno arxentino e de Interese Parlamentario por parte da Cámara de Deputados da Nación. Un ano antes, no Perú 2012, Termatalia foi recoñecida como Feira Internacional polo Ministerio de Relacións Exteriores do Gobierno do Perú e recibiu a declaración de “Evento Turístico Nacional” por parte do Ministerio de Comercio Exterior e Turismo.
Con esta traxectoria, Termatalia afronta a súa edición de 2026 consolidada como unha plataforma internacional de cooperación, coñecemento e negocio ao redor do turismo termal, a saúde e o benestar, con Ourense como sede de referencia e como punto de conexión entre Europa e América Latina. Na foto presentación de Termatalia e Xantar en Fitur 2026, en Madrid.




