O PSdeG reclama a dimisión do consello de administración de Meisa

Por irregularidades no contrato de xestión concedido á empresa coruñesa Artabria Turismo

Ourense | O PSdeG reclama a dimisión en bloque do consello de administración de Meisa, a sociedade que goberna Manzaneda, trala “demoledora sentenza” que confirma outra “cacicada ilegal” de Alberto Núñez Feijóo e Manuel Baltar, trala anulación xudicial do contrato de xestión concedido á empresa coruñesa Artabria Turismo.

Os socialistas estudan medidas e iniciativas contra os responsables da Xunta e da Deputación que adxudicaron a xestión a dedo, saltándose “absolutamente todos os trámites da lei”.

“A decisión do xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Ourense que ratifica a vulneración dos principios de concorrencia e non discriminación, ao elixir a unha empresa a dedo e sen publicidade, é unha mostra máis do nepotismo e a falta de transparencia coas que o PP usa os cartos públicos”, denuncian os e as socialistas antes de recordar que “xa advertiron desde o primeiro minuto das sombras ilegais” que rodeaban esta decisión.

O deputado provincial, Aurentino Alonso, salienta que estamos ante un “fallo contundente” que evidencia unha “contratación sen autorización do órgano de contratación”, executada pola directora xeral de Turismo de Feijóo que “vulnerou os principios de transparencia, liberdade de acceso, publicidade e non discriminación”.

O deputado recorda que, cando se declarou deserto o concurso inicial “terían que tramitar unha licitación con negociación, pedindo tres ofertas a diferentes empresas e non contratar directamente cunha empresa”.

“Estamos ante moitas irregularidades e moito escurantismo na xestión e nas contratacións da Xunta e a Deputación”, advirte Alonso quen tamén salienta a “responsabilidade total e absoluta” destas dúas administracións e os seus xestores, pois son os máximos accionistas ao concentrar o 99 % do accionariado de Meisa. “Baltar e Feijóo son os responsables últimos da xestión destas instalacións, polo que deberán dar explicacións detalladas destes graves feitos”, advirten os e as socialistas.

Desde o PSdeG-PSOE destacan que “levamos moitos anos pedindo un plan para Manzaneda, transparencia na súa xestión e acceso a todos contratos”, pero “nunca se nos permitiu ver a documentación”, destaca Alonso antes de recordar que tampouco se lles permitiu nin estudar o expediente sobre o proxecto de innivación nin lles deron respostas concretas no pleno da Deputación de Ourense, cando se interpelou á presidencia por estas cuestións.

“Estamos ante un montón de irregularidades e de cuestións que seguen sen aclaracións”, sinala o deputado ourensán antes de concluír preguntándose que pretenden agochar e que está a pasar na estación de montaña “sendo Meisa unha empresa participada ao cento por cento por organismos públicos”.

Os e as socialistas recordan que xa denunciaron hai máis dun ano o “escurantismo absoluto” na selección desta empresa “sen experiencia no sector, creada 10 meses antes da adxudicación a dedo e con vínculos empresariais con Panamá”. “O 1 de xaneiro de 2021 denunciamos desde a estación de montaña que querían adxudicar este contrato a esta empresa á forza e pola porta de atrás e agora a xustiza confirma a ilegalidade”, aseveran.

Desde o PSOE ourensán avogan pola xestión directa de empresas con experiencia no sector, que teñan vinculación coa provincia e que xeren postos de traballo na comarca.