O proxecto da Praza Bugallal, premiado polo Colexio de Arquitectos de Galicia

Pola súa "importante achega á arquitectura"

Ponteareas | O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) vén de premiar o proxecto da Praza de Bugallal no certame Premios Gran de Area de Achegas á Arquitectura 2022. Segundo o COAG, estas distincións teñen como finalidade “destacar o valor da obra arquitectónica, unha pequena pero importante achega á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.

Nesta edición presentáronse un total de 63 proxectos e foron premiados 16 que, en palabras do COAG, “deben ser recoñecidos pola súa exemplaridade do bo facer arquitectónico”, entre eles o da Praza de Bugallal en Ponteareas.

O xurado concedeu o premio ao proxecto ponteareán “polo xeito orgánico no cal se xera unha praza que responde a unhas necesidades programáticas complexas e polo modo no que se establecen lazos entre a contemporaneidade e a tradición sen a perda de identidade do lugar”. Os diplomas entregaranse no primeiro trimestre do vindeiro ano.

O Goberno municipal do BNG-PSOE amosou a súa ledicia e satisfacción polo premio outorgado “a esta importante obra que supuxo unha transformación histórica do centro neurálxico de Ponteareas, recuperando para as persoas un espazo emblemático da nosa vila”.

Para a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, o premio “é un novo recoñecemento ao modelo de vila polo que apostamos dende o goberno local, un espazo urbano saudábel, sustentábel e de calidade, inclusivo e atractivo, que mellora de xeito exponencial a calidade de vida da xente”. Fernández Davila lembrou que este recoñecemento “se suma aos que logramos recentemente dende institucións como a Deputación Provincial ou a Rede de Cidades e Vilas con Mobilidade de Portugal, que colocan a Ponteareas como exemplo de recuperación do espazo público e nova mobilidade e que teñen como orixe a “Estratexia Hábitat Saudábel” do ano 2018 que recibiu o Premio Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo”.

A Alcaldesa concluíu salientando que todos estes recoñecementos “anímannos a continuar traballando dende o goberno con máis entusiasmo no obxectivo de transformar Ponteareas nun concello exemplar do que todos os ponteareáns e ponteareás nos sintamos moi orgullosos e orgullosas”.