O programa “+50 Contigo” do Concello da Coruña e a Asociación Renacer atendeu a case 400 persoas

Nos tres primeiros meses de funcionamento

A Coruña | A alcaldesa da cidade, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, visitaron esta mañá a sede da Asociación Renacer, na Sagrada Familia, para coñecer de primeira man o labor desta entidade social.

A rexedora destacou o traballo da asociación e do seu presidente, José Pernas, “é un exemplo de como o labor social e o terceiro sector son fundamentais na cohesión social e na dinamización dos barrios e, sobre todo, na axuda a colectivos marxinais para a súa plena integración”. Desde o ano 1985, sinalou Rey, a Asociación Renacer traballa nesta actuación, que nun primeiro momento estaba moi enfocada ao alcoholismo e á drogodependencia pero que co paso dos anos ampliou a súa actividade a outros colectivos en situación de risco de exclusión.

“Desde o ano 1985, sinalou Rey, a Asociación Renacer traballa nesta actuación, que nun primeiro momento estaba moi enfocada ao alcoholismo e á drogodependencia pero que co paso dos anos ampliou a súa actividade a outros colectivos en situación de risco de exclusión”

A alcaldesa e a concelleira de Benestar Social tamén coñeceron de preto o funcionamento do programa de atención a persoas maiores “+50 Contigo”, froito dun convenio co Concello da Coruña cunha aportación municipal de 75.000 euros, que nos tres primeiros meses de vida xa atendeu a 400 persoas.

Neira explicou que este proxecto “atende a pesoas maiores que se atopan nunha situación de vulnerabilidade social e que grazas a este convenio van sendo capaces de poder volver á vida laboral e de acceder ás pensións de xubilación”. A edila salientou que “os traballos dos servizos sociais teñen que ser a atención, pero tamén a intervención para conseguir a plena autonomía e independencia das persoas”.

“Para a administración local e para a cidadanía, José Pernas é un exemplo de traballo e dedicación”, apuntou Yoya Neira, quen asegurou que “as persoas que chegan pedindo axuda e colaboración atopan en Renacer non só a cobertura das súas necesidades urxentes senón unha man tendida para saír adiante con perspectiva de futuro e estabilidade”.

No Anexo de Subvencións Nominativas do ano 2020, o Concello incrementou o importe do convenio coa Asociación Renacer nun 12,5%, chegando a 36.000 euros para gastos xerais e de funcionamento e puxo en marcha o programa “+50 Contigo” cunha aportación de 75.000 €. No ano 2021, conservouse o convenio de 75.000 euros  e incrementouse nun 56% o convenio de gastos xerais até acadar os 56.000 euros. Así, desde o inicio da lexislatura de Inés Rey a financiación a esta entidade social incrementouse nun 310%, de 32.000 a 131.000 euros.