
Santiago de Compostela | A continuación reproducimos integramente a Saúda do Presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda á editorial Novas do Eixo Atlántico con motivo dos actos que leva a cabo en Oviedo a Asociación Día de Galicia en Asturias:
“Construír futuro en comunidade
Asturias e Galicia son dúas terras veciñas entre as que existe unha irmandade e unha identidade atlántica construída ao longo de xeracións, próximas non só pola xeografía, senón tamén pola historia, a cultura e o xeito das súas xentes de estar no mundo e entender a vida.
Compartimos un patrimonio natural e unha gastronomía envexables, unha cultura popular profundamente arraigada e unha maneira especial de mirar cara ao mar, ao monte, ao campo ou á chuvia. Orixes que botan raíces profundas en nós que nunca esquecemos, tampouco na distancia.
Compartimos, tamén, o feito de ser terras de acollida e de oportunidades. En Asturias, como en tantas rexións de España e do mundo, moitas galegas e galegos atoparon un novo fogar no que construír o seu futuro. Fixérono con esperanza, traballo, xenerosidade e, de seguro, en comunidade.
Deixaron e seguen a deixar pegada, enriquecendo a terra que os acolleu, sen esquecer as súas orixes, lingua e tradicións. Por iso é para min unha honra poder participar neste xornal e dirixirme ás galegas e galegos de Asturias, en especial á Asociación Día de Galicia desta comunidade.
Quero facervos chegar o meu agradecemento e recoñecemento polo voso traballo, compromiso e agarimo polo propio, unha fórmula esencial para preservar a nosa cultura fóra de Galicia.
Sabede que podedes contar sempre co noso apoio”.
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente da Xunta de Galicia




