O PP volve ao poder na alcaldía do Porriño

Alejandro Lorenzo foi investido en pleno municipal
Alejandro Lorenzo (PP do Porriño) asumirá a alcaldía ata as eleccións municipais de 2023.

O Porriño | Cambio de ciclo político no Porriño. O voceiro do Partido Popular porriñés, Alejandro Lorenzo, foi investido como novo alcalde este 23 de decembro no pleno extraordinario de investidura, grazas á abstención do independente Manuel Carrera e tomando en conta que o PP do Porriño, con 8 dos 17 concelleiros da Corporación Municipal, é a lista máis votada tralas eleccións municipais de 2019.

A dimisión da hoxe ex alcaldesa Eva García de la Torre (PSOE-PSdeG) o pasado 23 de novembro abriu o camiño ás negociacións para formar novo goberno no Porriño. Neste sentido, o PSOE-PSdeG presentou a candidatura de Teresa Moure, que só logrou os apoios dos socialistas, BNG en En Marea-Común, aínda que tamén se especulara coa candidatura de David Alonso.

Finalmente, foi a abstención de Carrera quen posibilitou que Alejandro Lorenzo sexa o novo alcalde porriñés. O propio Carrera declarara no seu momento a súa aceptación da candidatura do socialista Alonso, finalmente infrutuosa, toda vez sempre rexeitou a candidatura de Moure.

Co apoio dos seus oito concelleiros, Lorenzo asumirá a alcaldía porriñesa ata as vindeiras eleccións municipais previstas para 2023.

BNG: “EU-SON e PSOE entregaron a alcaldía do Porriño ao PP”
A dirección nacional do BNG responsabilizou a EU-SON e PSOE da entregar a alcaldía ao PP, lamentando a “falta de debate” e a activación de “negociacións que priorizaron sempre a persoas e cargos diante de iniciativas e proxectos para mellorar a vida do concello”.

A dirección nacional do BNG responsabilizou a EU-SON e o PSOE de entregar a alcaldía porriñesa ao PP.

Criticou a “estratexia de bloqueo que EU-SON compartíu co PP nos plenos, culminou coa negociación dunha moción de censura que fixo dimitir a Eva García e que serviu finalmente para entregarlle o bastón de mando a Alejandro Lorenzo” así como a “irresponsabilidade do PSOE ao non negociar unha persoa candidata de consenso para a nova investidura”.