O PP non comparece nos xulgados de Viana do Bolo tras a denuncia do BNG

Nun acto conciliatorio interposto contra os "populares" por calumnias e ameazas

Ourense/BNG | Secundino Fernández, voceiro municipal do BNG de Viana do Bolo, acompañado por María Albert, deputada do BNG por Ourense, e concelleiros do BNG de Viana, acudiron ao xulgado de Paz de Viana a un acto de conciliación co Partido Popular de Viana e Andrés Montesinos tras a denuncia interposta polo BNG ante a escalada de calumnias e amezas vertidas por estes nos últimos meses.

Nin Andrés Montesinos, nin o Partido Popular ou un representantes dos mesmos, compareceron no xulgado de Paz de Viana onde se deberían ter presentado tras a denuncia interposta polo BNG no mes de setembro.

“No Partido Popular teñen un dedo moi lixeiro para atacarnos pero moita covardía para acudir ao xulgado, dar a cara e desculparse” manifestou Secundino Fernández.

Fernández clarificou que “presentamos este acto conciliatorio ante as graves acusacións, ataques e ameazas que están fora de calquera réplica política e que buscan amedrentar e amordazarnos.

As concelleiras e concelleiros do BNG seguimos, a pesares das ameazas e calumnias e insultos recibidos por parte do PP e dos traidores e tránsfugas que nos buscan silenciar. O BNG vai seguir sendo a voz das veciñas e veciños de Viana e seguimos traballando por Viana”

As calumnias e difamacións do PP xa eran unha constante desde antes da ilexítima moción de censura de Viana do Bolo.

Porén foi no mes de xuño cando degradación política do Partido Popular chegou a puntos inaceptables, cando desde as redes sociais oficiais do partido acusaron a Secundino Fernández de feitos tan graves como o uso da violencia ou enaltecemento do terrorismo, agravándose aínda máis a situación con reiteradas coaccións e ameazas ao BNG, máis propias duns de “matóns” que dun goberno municipal.

Para o BNG é inadmisíbel que nin Baltar nin a dirección galega do PP desautorizasen esta forma de actuar. Así mesmo a organización nacionalista, reitera o apoio e agradecemento ao BNG de Viana polo seu esforzo e compromiso coa veciñanza.