“O PP leva demostrando o seu nerviosismo ante a posibilidade dunha presidencia da Xunta nacionalista”

Ana Pontón | Portavoz nacional do BNG

Ana Pontón foi reelixida como portavoz nacional do BNG. Diante ten un panorama político e social condicionados pola maior crise sanitaria do século XXI, polo de agora. Ante isto, a líder do Bloque ten clara a necesidade dun cambio na Xunta, un cambio que permita realizar políticas diferentes ás materializadas até o de agora polo PP e a Xunta de Núñez Feijóo. Apunta tamén o seu temor a perder a oportunidade que ofrecen os fondos europeos de recuperación, un elemento moi necesario para darlle unha volta enteira ás políticas actuais que vive Galicia.

A aprobación da reforma laboral condicionará os futuros pactos entre o BNG e o Goberno central?
A política estatal ten o seu marco, e nós seguiremos sempre coa man tendida para defender medidas que poidan mellorar a vida das persoas neste país, ademais de defender os dereitos de Galiza. Nós estamos en política para ser útiles, para defender os dereitos da xente, poñer freo aos retrocesos que vivimos nestes últimos anos. Aí o BNG estará sempre traballando para chegarmos a acordos que beneficien as maiorías sociais.

A finais de 2021 apelaba ao optimismo e á confianza a pesar dos tempos que vivimos. De onde saca forzas para ser optimista?
O meu optimismo nace da forza e exemplo da xente deste país, daquelas persoas que defenden os seus proxectos empresariais, a forza dos traballadores e traballadoras ante situacións difíciles, da forza dos nosos investigadores e investigadoras que poden ser punteiros en moitos ámbitos, e en definitiva, na confianza do país. Son tempos difíciles e duros, mais debemos ter a convicción de que imos saír adiante e que imos gañar esta batalla. E desde logo, na confianza en Galiza, un país con fortalezas para enfrontar os retos que temos por diante.

Sobre a situación do sector sanitario responsabiliza directamente a Feijóo. Coa actual maioría absoluta do PP, como se podería cambiar a situación?
Nunha situación como esta é difícil de entender a existencia de recortes en recursos para a Atención Primaria e sobre todo, que se estea levando adiante un plan para aproveitar a pandemia e continuar co deterioro e privatización da sanidade pública. Fronte a isto está a presión e a mobilización social. Durante os últimos meses puidemos ver como os sanitarios protestan, como os PAC protestan e como a cidadanía sae á rúa. Estou convencida que nos vindeiros meses esa presión nos permita frear o plan de demolición da sanidade pública do PP.

“Durante os últimos meses puidemos ver como os sanitarios protestan (…) e como a cidadanía sae á rúa. Estou convencida que nos vindeiros meses esa presión nos permita frear o plan de demolición da sanidade pública do PP”

Facendo un exercicio cabalístico. Abondaría unha lexislatura dun goberno doutra cor política para desfacer o percorrido do PP nestes últimos anos?
Non é tan doado. Si é certo que se poden facer moitas cousas como reforzar a sanidade pública, acabar coa precariedade, atraer novos profesionais, pódense devolver as xerencias de Atención Primaria, pódense devolver as áreas sanitarias eliminadas polo PP, pódese apostar por un sistema de residencias públicas, pódese defender a lingua galega e tamén se pode defender unha CRTVG que non sexa un instrumento ao servizo do goberno da Xunta. En todos eses puntos temos capacidade e tamén para poñer en marcha un proxecto de país para crear emprego e riqueza aquí. Os problemas non se resolverán só chiscando os dedos, mais Galiza é un país cun enorme potencial e ese é o elemento sobre o cal debemos traballar.

Feijóo asegurou que a falta de médicos na sanidade galega tiña as súas causas no Goberno central.
Iso é un exercicio de cinismo político e que desde o cambio de cor no goberno do Estado, Feijóo responsabiliza de todo ao actual Goberno, mesmo dos problemas que el creou en Atención Primaria. É falso que non haxa profesionais para a sanidade pública, o que non hai son profesionais en disposición de estar nas condicións precarias impostas polo PP en Galiza. Hai moitos profesionais que traballan no estranxeiro a quen se lles podería ofertar un posto de traballo aquí. Tamén cada ano hai moitos MIR de Atención Primaria que non queren continuar traballando por culpa das condicións laborais. Se se cambian esas condicións terás capacidade de retención sobre esas persoas.

Indo ao terreo industrial, Alcoa pacta co comité de empresa parar dous anos as cubas e modernizar a planta. Que interpretación fai deste pacto?
Parar as cubas é unha decisión equivocada e iso dificultará o futuro. Desde o BNG traballaremos por un marco que permita recuperar a actividade productiva, pois o país non pode seguir perdendo actividade. Acabamos de coñecer os datos do índice de produción industrial e en Galiza medra a un ritmo moi inferior ao Estado, isto significa que algo non vai ben. O noso país precisa industria e temos capacidade para facelo. Nós desde logo, apostamos por producir aquí, certo é que non podemos producir de todo, mais podemos facer que a industria teña peso no noso PIB. Isto último debe ser un obxectivo sobre o cal traballar.

“Acabamos de coñecer os datos do índice de produción industrial e en Galiza medra a un ritmo moi inferior ao Estado, isto significa que algo non vai ben”

Esta paralización pode ser unha “excusa perfecta” para levar adiante un plan eólico salvaxe levantando muíños arredor de Alcoa?
A min chámame a atención que unha empresa como Greenalia, porta xiratoria dunha exconselleira do PP como é Beatriz Mato, queira facerse de ouro co futuro da Mariña. Estaremos atentos pois no país non hai suficiente potencia eólica instalada para alimentar Alcoa. Por tanto, é dramático aproveitar a crise industrial da Mariña para facer negocio.

Outro punto quente é Ence. Cre que a empresa está a utilizar á cidadanía contra o goberno local ameazando coa perda de postos de traballo?
Ence leva atacando ao goberno local de Pontevedra nos últimos vinte anos. É evidente que a cidadanía non responde a esa presión, pois son conscientes de teren un goberno municipal que mellorou as súas condicións de vida e cun proxecto de cidade sólido. Esa batalla Ence perdeuna, o mesmo que perdeu a batalla legal pola súa actual ubicación. Se buscan manter os postos de traballo, deben buscar xa unha ubicación alternativa, pois son o PP e o consello de administración de Ence quen están poñendo en perigo o futuro deses empregos. A única postura sensata é traballar para o traslado da factoría.

Mediambientalmente imos para atrás?
Nós temos dito en moitas ocasións que as políticas do PP de Feijóo son como unha fábrica de cambio climático. Levamos anos vendo como a Xunta carece dunha política medioambiental acorde coas necesidades actuais. Un dos maiores retos que temos por diante son os incendios forestais, pois aí vemos como se alimentan os intereses do consello de administración de Ence en vez de aplicar unha política forestal para evitar no posible os lumes no monte.

O abandono do rural é unha maneira de vender barato o agro?
Se hai abandono hai opcións de que haxa empresas con opcións de mercar barato. En tal caso, o abandono do rural constata o fracaso do modelo do PP, pois pón en evidencia a falta de apoio ao noso rural. Isto provoca unha desertización do territorio, un dos grandes problemas do noso país. Aínda así pode ser reversible pois temos un rural rico e con posibilidades, mais necesítase ter confianza e crer nel. É necesario investir pois hai unha oportunidade de futuro, as necesidades son outras e iso pasa por ofrecer servizos no rural. Iso implica unha política de discriminación positiva cara o medio rural tanto na sanidade como noutros servizos públicos para reverter este abandono. Van vir fondos europeos e non sabemos en que mans quedarán mais sería importante o seu uso para revitalizar o medio rural.

“O PP leva tempo, sobre todo desde as últimas eleccións autonómicas, demostrando o seu nerviosismo cun BNG que avanza e cun obxectivo claro”

Falar dun BNG independentista foi unha arroutada do PP ou unha manobra de distracción?
O PP leva tempo, sobre todo desde as últimas eleccións autonómicas, demostrando o seu nerviosismo cun BNG que avanza e cun obxectivo claro, que en 2024 teñamos unha presidencia nacionalista e darlle a volta ao declive actual ao que nos leva o PP.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.