O PP critica que o alcalde de Monforte recibira no Concello a Pedro Sánchez

Monforte de Lemos/PP | O grupo municipal do PP de Monforte denuncia “a politización” que o alcalde, José Tomé, fai do Concello ao confundilo coa sede do PSOE na visita a Monforte de Pedro Sánchez. Os populares queren saber o motivo polo cal o socialista foi recibido polo equipo de Goberno no salón de Plenos e asinou no libro de ouro do Concello, un acto ao que ademais o rexedor non convidou ao resto dos grupos con representación municipal.

“É o primeiro en atizarlle ao PP cando os seus membros fan visitas privadas e de partido e agora monta este circo no Concello do que ademais nos temos que enterar pola prensa”, explica a voceira do PP, Julia Rodríguez. Os populares critican que o alcalde use o Concello como se fora a súa propia casa, e advirten da gravidade de que poida haber recursos que se poñan a disposición do partido socialista e se sosteñan con fondos públicos, posto que a visita de Pedro Sánchez non ten nada que ver coa vida institucional, senón cun acto de partido do candidato ás primarias do PSOE.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, lamenta que se lle quixeron dar a esta visita un carácter institucional o alcalde non aproveitara para ensinarlle os tesouros que ten Monforte, non só culturais, como a pinacoteca dos Escolapios ou o Museo de arte sacro, ou o museo do ferrocarril, senón tamén para favorecer o crecemento económico da cidade como o polígono, a potabilizadora ou o porto seco. O alcalde non obtivo o compromiso do candidato de traballar por Monforte, foi Sánchez quen levou o compromiso de Tomé de traballar a prol da súa candidatura, o que evidencia que se trata dun acto “exclusivamente de partido”.

Ao mesmo tempo os populares advirten da necesidade de contar cunha ordenanza que regule o protocolo no Concello para evitar que o alcalde siga empregando a institución ao seu antollo e convide a un amigo persoal, que non é un convidado da cidade, nin se lle coñece mérito algún que lle confira a distinción de asinar no libro de ouro. Neste sentido, O PP anuncia que levarán unha iniciativa ao Pleno para que se elabore a ordenanza.