O Porriño vaise de pinchos este Entroido

24 establecementos ofrecerán pinchos a 1€ nas Xornadas Gastronómicas

O Porriño | Un total de 24 establecementos de hostalería participarán nas Xornadas Gastronómicas do Entroido 2023 do Porriño. Esta ruta de pinchos forma parte do programa gastronómico posto en marcha dende o Concello do Porriño, en colaboración con AHOSPOR, para poñer en valor a hostalería local, promocionar o comercio e dinamizar a vila aproveitando estes días de Entroido.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de cultura, Bienvenido Estévez, a concelleira de Comercio, Antía Carrera, e o presidente de AHOSPOR, José Manuel Fernández, foron os encargados de presentar hoxe esta iniciativa.

“Dende este fin de semana e ata o 25 de febreiro poderemos degustar as propostas dos nosos hostaleiros, cada venres e sábado a partir das 19 h”, explicou o concelleiro, Bienvenido Estévez.

“Os locais prepararán pinchos típicos destas datas como lacón, cacheira, orella ou filloas, que poderán ser degustadas ao módico prezo de 1 euro”, indicou o presidente da asociación de hostaleiros.

Pola súa banda, o rexedor animou a toda a cidadanía do Porriño, e tamén á veciñanza dos municipios da contorna, a participar desta ruta de pinchos que “son máis que cunha degustación gastronómica, tamén son unha oportunidade para disfrutar xuntos destas festas á vez que contribuímos a revitalizar a nosa vila e a nosa economía”. O rexedor agradeceu a AHOSPOR unha vez máis o seu dinamismo e iniciativa que contribúen ao desenvolvemento do Porriño.

Establecementos participantes: Adega de Montero, A Francachela, Bar La Guía, Bar Liceum, Bolboreta Café, Cafetería El Pincho, Cafetería El Sol, Cafetería Platinum, Chicoria Alimentación, Cólleo con pinzas, Galibar Centro, Hotel Parque, La Bendecida, La Bici, La Cueva, La de Chato, Mesón Argentino 2, Nómadas, O Lar de Lore, Origen Café, Paso a Nivel, The Classic, Underground, Urban Café.