O Porriño suma máis de 28.000 m2 de aparcamento gratuíto

Desde hai cinco anos creáronse 8 aparcadoiros gratuitos dentro do casco urbano para dinamizar o comercio e a hostalería local

O Porriño | O Concello do Porriño conta xa con máis de 28.000 metros cadrados de aparcamento gratuíto distribuídos polo municipio para dinamizar o comercio e a hostalería local, respondendo así a un dos problemas históricos da vila. Esta medida supón a creación de máis de 1.100 novas prazas de estacionamento divididas en oito parcelas estratéxicas situadas ao carón de equipamentos públicos, centros educativos, áreas deportivas e zonas de lecer.

A rede de aparcadoiros gratuítos desprégase en contornas clave para facilitar o acceso da veciñanza e visitantes aos principais puntos de interese da localidade. O máis amplo destes espazos atópase na rúa Progreso, con 10.000 metros cadrados e capacidade para uns 450 vehículos, ao que se suma moi preto unha parcela de 1.000 metros cadrados xunto ao paso a nivel, clave para a mobilidade no casco urbano. Así mesmo, na rúa Leandro Diz habilitáronse 4.200 metros cadrados ao lado da capela e do barrio de San Sebastián, área que inclúe tamén un espazo acondicionado para o estacionamento de caravanas.

A oferta completa de aparcamento distribúese tamén preto de servizos e equipamentos fundamentais da vila. É o caso da parcela de 3.000 metros cadrados na prolongación de Fernández Areal, emprazada fronte ás pistas de tenis e xunto ao centro de saúde, os xulgados e o pavillón municipal de deportes. Precisamente na contorna deportiva e escolar somáronse outros 6.100 metros cadrados —repartidos en dúas parcelas de 3.700 e 2.400 metros cadrados— ao carón dos colexios CEIP Fernández López e CEIP Quiroga, tamén moi preto do polideportivo municipal. A estes espazos engádense os 3.500 metros cadrados dispoñibles na Avenida de Galicia, en pleno casco urbano, e unha área de 500 metros cadrados nas inmediacións do cemiterio municipal.

Con este amplo despregamento, o goberno local busca mellorar a mobilidade diaria dos porriñeses e facilitar a chegada de visitantes. Máis alá de desconxestionar o tráfico no centro urbano, a iniciativa ten como obxectivo prioritario servir de impulso para o tecido socioeconómico da vila, incentivando o consumo no comercio de proximidade e na hostalería local, dous dos sectores clave na economía do Porriño.

“A falta de estacionamento era unha das principais eivas do noso municipio e un obstáculo directo para o crecemento do noso comercio e hostalería. Coa posta en marcha destes máis de 28.000 metros cadrados gratuítos, damos resposta a unha demanda histórica da veciñanza, facilitando o día a día dos porriñeses e facendo O Porriño moito máis atractivo para quen nos visita a mercar ou gozar da nosa vila”, destaca o alcalde, Alejandro Lorenzo, poñendo en valor o modelo de vila humanizada con rúas peonís pensadas para as persoas e alternativas reais de aparcamento a poucos pasos do centro. “A intención é que a xente poida, se quere, chegar en coche e desfrutar a pé”, asegura o alcalde que apunta que “queremos un Porriño máis peonil, pensado para as persoas”.

O Concello ven de deseñar un mapa co emprazamento de todos estes aparcamentos para que as persoas de fóra que queiran visitar a vila poidan atopar de xeito doado estos aparcadoiros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.