
O Porriño | Hai pouco máis dun ano, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, oficiaba 15 vodas en 15 días. Se ben é certo que aquel mes de xullo foi de récord, non hai semana na que o rexedor non case a, polo menos, unha parella. “Normalmente son máis”, explica Lorenzo, que ten como récord diario 7 vodas en 24 horas, así que non sorprende que esta fin de semana teña chegado á súa “voda 500”. Unha cifra que lle fai ilusión, porque “facer feliz á xente é unha máxima” e “que tantas parellas confíen en min para acompañalas nun momento tan especial segue a ser un orgullo persoal e institucional”, apunta.
Por iso, tamén el celebrou esta cifra soprando as velas dunha torta. Foi logo de casar a María e Gabriel. Dous mozos que se coñeceron fai cinco anos nunha asociación de Torneiros, no Porriño, e que agora emprenden unha nova etapa da súa vida. O fan “o 8 do 8, unha data que me parece máxica porque é o número infinito”, di María, aínda emocionada, asegurando que ese infinito representa o seu amor.
O que non chega ao infinito, senón que seguirá sumando, é Lorenzo, que ten programadas sete vodas máis nos próximos 15 días, rebasando axiña esta cifra redonda, a das 500 vodas, logo de casar en practicamente todos os lugares posibles. Unha das máis emocionantes e cheas de amor, explica o rexedor, foi hai pouco, no hospital Povisa. Unha parella cumpría os desexos da nai del cando apenas lle quedaban unhas horas de vida. A voda foi na habitación do hospital, ante a mirada atenta desa muller que levou consigo o gozo de ver ao seu fillo e á súa parella unidos.
O certo é que dende que asumiu a Alcaldía en 2022, Lorenzo casou moitos lugares: en restaurantes, en fincas particulares, no concello ou baixo o Templete de San Luis, un lugar único, esencia de Antonio Palacios e unha zona recén humanizada no municipio, ideal tamén para as reportaxes fotográficas.
Tamén hai que sumar a estas 500 vodas civís a renovación dos votos, cada vez máis habitual no municipio.
Casarse no Porriño é sinxelo e gratuíto
En 2022, o Concello aprobou a supresión da taxa de 100 euros por oficiar vodas, o que facilitou o acceso a este servizo a todas as parellas. Desde entón, o número de expedientes tramitados non deixou de medrar. “Non cremos que deban existir taxas por formalizar o amor”, explica o rexedor que, dende que entrou na alcaldía, eliminou estes impostos e deixou conxelados o resto. “A felicidade non consiste en facer o que un quere, senón en querer o que un fai”, é unha das frases que habitualmente lles lanza ás parellas, pero tamén unha premisa do propio rexedor, que este sábado, na súa voda 500, asegurou sentirse así, feliz.




