O Porriño presentou a XXVIII edición da Festa dos Callos

Será este 3 de outubro, como broche final ás Festas do Cristo
A alcaldesa Eva García (centro) e membros do goberno municipal presentan o cartel de promoción da Festa dos Callos.

O Porriño | A alcaldesa Eva García fixo un chamamento aos veciños e veciñas da área metropolitana de Vigo para que acudan o vindeiro domingo, 3 de outubro, a participar e gozar da Festa dos Callos en Porriño, que porá o broche final ás Festas do Cristo.

A Festa dos Callos, que chegará á súa 28a edición, está organizada pola asociación local de comerciantes (Acipor) e a asociación de hostaleiros (Ahospor).

Un evento gastronómico que combina dous produtos icónicos do Porriño: callos e pan, segundo argumentou a alcaldesa.

Este ano participarán 35 establecementos de hostalería da vila, o que en opinión do presidente de “Ahospor” mostra unha recuperación do sector “co que a pandemia non foi capaz”, dixo José Manuel Fernández.

Pola súa banda, Noelia Conde, xerente da asociación de comerciantes, agradeceu ao Concello do Porriño a súa colaboración e apoio e apelou a “celebrar estes eventos para recuperar a normalidade”.

Mentres que o concelleiro de Comercio, Sergio Casal destacou que o prezo da ración de callos, con pan e cazola incluídos, será de 7 euros, o que “é un prezo moi simbólico e barato polo que dan e polo traballo que lles dá”.