O Porriño humanizará a rúa Manuel Rodríguez

Media ducia de empresas presentaron as ofertas

O Porriño | Este mediodía reuniuse a mesa de contratación que decidirá o proceso de licitación e adxudicación do proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez, no barrio de San Bieito.

Media ducia de empresas presentaron as ofertas que agora serán valoradas polos técnicos municipais. No prazo de dúas/tres semanas, a mesa volverase reunir para coñecer as valoracións técnicas e as ofertas económicas.

O proxecto de humanización contempla unha actuación no tramo desa rúa entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián.

Plano do proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez.

As obras consistirán no levantamento do pavimento, tanto na calzada coma nas beirarrúas; renovación das redes pluviais e fecais; renovación da rede de alumeado público; renovación da rede de abastecemento; preinstalación para as telecomunicacións e a rede de baixa tensión; nova pavimentación en granito e mobiliario e renovación da zona de xardíns.

O proxecto ten un orzamento de 391.322,95 € amais do IVE do 21% correspondente. A obra será financiada cunha subvención do Plan Concellos 2021 da Deputación Provincial.