O Porriño esixe á Xunta unha maior participación no servizo de axuda ao fogar

Pediu o concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso

O Porriño | O Porriño trasladoulle á Consellería de Política Social “a urxente necesidade” de que a Xunta de Galicia amplíe a súa participación para sufragar os gastos do SAF (Servizo de Axuda no Fogar).

“Na actualidade, este gasto que asumimos supón unha carga extraordinaria para o Concello do Porriño, polo que precisamos que a administración autonómica revise e aumente a súa contribución como demandan, tamén, outros concellos”, dixo David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais.

David Alonso mantivo hoxe unha reunión telemática con Fernando González Abeijón, director xeral de Maiores “que me recoñeceu que a actualización é necesaria, dános a razón pero que, para este ano, a Xunta non poderá acometela por motivos orzamentarios, “, dixo Alonso Bargiela.

Na mesma videoconferencia, o concelleiro de Servizos Sociais propuxo ao responsable autonómico “traballar xuntos para lograr unha residencia xeriátrica no Porriño que actualmente carecemos para satisfacer as necesidades dese sector da poboación”. David Alonso sinalou que o primeiro paso será unha próxima reunión co Consorcio Galego de Benestar Social para avaliar as posibilidades “, dixo.