O Porriño en alerta vermella por COVID 19

O Porriño | O Porriño segue hoxe martes 27 na relación de concellos de Galicia en alerta vermella ou nivel 3 por número de contaxios en función da súa poboación, segundo publica hoxe o mapa de situación do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Os datos están actualizados ata as 18 horas de onte luns. Aínda que a autoridade sanitaria segue sen informar directamente aos concellos do número exactos de casos positivos, na web subliñase que O Porriño está en alerta vermella por ter máis de 21 casos diagnosticados.

Precisamente hoxe non se celebrou o mercado ambulante por decisión do goberno municipal. Foi unha das restricións acordadas dende o pasado xoves 22 e que se manteñen.

Tamén como consecuencia dos protocolos, onte as comisións municipais informativas celebraronse de xeito telemático. E mañá mercores, o pleno ordinario da Corporación tamén será en sesión telemática, a partir das 18 horas.