O Porriño elixirá o seu cartel do Entroido nun concurso escolar

Convocado o I Concurso Escolar de Carteis do Entroido

O Porriño | O Concello do Porriño, dende a Concellería de Educación e Normalización Lingüística que dirixe Carolina González, convoca o I Concurso Escolar de Carteis do Entroido no que se buscan as mellores ilustracións para promocionar as festas do Entroido do Porriño.

Neste concurso, elaborado de forma conxunta polos servizos municipais da OMIX e Normalización Lingüística, poderá participar todo o alumnado dos centros educativos do Porriño, nos niveis de infantil, primaria e secundaria; así como o alumnado de Aceesca. O cartel gañador, 1º premio, será a imaxe do Entroido do Concello do Porriño 2022 e as tres persoas premiadas (1º, 2º e 3º) recibirán un lote de material escolar, ademais de seren as pregoeiras do Entroido 2022 do Porriño.

Con esta iniciativa, o Concello pretende implicar á cidadanía, concretamente o alumnado, na organización da súa axenda cultural; así como promover e dinamizar a lingua e cultura galegas a través dunha festividade tan vencellada á nosa tradición cultural. Os carteis do Entroido serán expostos no Centro Cultural Municipal e mais na páxina de ecultura.net durante as datas do Entroido.

Dende a Concellería de Educación, OMIX e o Servizo de Normalización Lingüística animan aos alumnos e alumnas do Porriño a participar no seu centro de estudo para formar parte da imaxe do Concello do Porriño nestas datas festivas. Podes consultar aquí as bases do concurso:
https://oporrino.org/documentos/bases-do-i-concurso-escolar-de-carteis-do-entroido/

Outros artigos