O Porriño cultiva a mente contra o Alzheimer

Programa de detección precoz organizado polo Concello e AFAGA

O Porriño | O Centro Sociocomunitario do Porriño acolleu hoxe a última sesión do programa de prevención do deterioro cognitivo “Cultiva a mente”, organizado polo Concello do Porriño e Afaga.

13 persoas maiores de 55 anos participaron destas xornadas dirixidas, non só a previr a demencia, senón tamén á súa detección precoz e á promoción de hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional. Da man dunha psicóloga con formación específica no desenvolvemento e execución de plans de prevención do deterioro cognitivo, abordaron diferentes cuestión como o envellecemento activo, a promoción das relacións sociais e prevención da soidade, a independencia e autonomía, a memoria, a atención e a orientación, entre outros.

Hoxe recibiron un diploma acreditativo da man do alcalde, Alejandro Lorenzo, que os visitou acompañado polo presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, e concelleira de Política Social, Teresa Veloso.

“Tal e como me transmitiron, esta actividade foi moi enriquecedora para eles e elas e teñen o meu compromiso de que daremos continuidade a esta e outras iniciativas que permitan aos nosos maiores socializar e tamén disfrutar desta etapa da súa vida”, explicou o rexedor, “Ademais, por suposto de dotalos das ferramentas necesarias para previr e detectar os primeiros sinais de demencia. Para iso non podemos contar cunha colaboración mellor que a de Afaga, que leva anos realizando un traballo inconmesurable na atención ás persoas con Alzhéimer e outras demencias”.