O Porriño, 365 días en pro dunha igualdade efectiva

Fixo balance no marco do seu plan de actividades anual

O Porriño | A concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, vén de facer balance do camiño percorrido no último ano.

“Dende o inicio entendemos que esta era unha área á que non se lle estaba a dar a importancia que ten e apostamos pola introdución transversal da perspectiva de xénero en todas as políticas municipais”, explicou a concelleira, Carolina González, “En definitiva, estamos a facer da igualdade o eixo vertebrador da nosa liña de goberno para dar pasos reais e efectivos”.

“Non imos limitarnos a reivindicar ou conmemorar dous días ao ano”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Plantexamos un plan de intervención e traballo anual e continuo xa que a igualdade e os dereitos das mulleres deféndense todos os días”. Para facelo posible, o novo executivo duplicou a inversión nesta área destinando máis de 40.000 euros.

A conciliación e corresponsabilidade, a atención especializada e eficaz ás mulleres vítimas da violencia de xénero, a concienciación e sobre todo, a educación, marcaron a folla de ruta en materia de igualdade. No tocante á conciliación e corresponsabilidade, reactiváronse os campamentos en períodos non lectivos co fin de fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar nos que participaron preto de 400 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos de idade.

Desenvolveuse o campamento de semana santa, o de verán e o de Nadal, púxose en marcha por primeira vez o servizo de ludoteca durante os meses de outubro e novembro e nestas vacacións de Nadal estase a desenvolver os talleres de fomento da corresponsabilidade dirixidos á infancia e á adolescencia. “Estas actividades dan resposta á demanda das familias de contar cun recurso de conciliación durante as vacacións escolares e incluso como actividade extraescolar”, apuntou a concelleira.

Pero xunto con estas, celebráronse outras dirixidas directamente ao alumnado adolescente, como o Escape Room que se celebrou nos institutos con motivo do 8M. Tamén se deu voz á toda a cidadanía para que aportaran as súas achegas e opinións coa iniciativa “Voces na rúa” que acadou unha gran participación de mulleres, homes nenas/os e adolescentes.

A atención especializada, eficaz e inmediata ás mulleres foi e segue ser un obxectivo da Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, para o cal se impulsou a participación do persoal técnico encargado desa atencion en accións formativas ao longo do 2022 , para a súa reciclaxe e mellora nas intervencións para con elas. Destacar que o número de atencións neste senso aumentou considerablemente.

Este ano ademais coa participación do departamento da Policía Local e de igualdade, ubicouse en lugar extratéxicos durante as festas locais ,o 8 M e o 25 N , un Punto violeta para informar e no seu caso, intervir recurrindo ao persoal técnico e profesional axeitado para dar unha resposta rápida e axeitada ante unha agresión. Como non podía ser doutra forma, en días sinalados como son o 8M e o 25M, impulsáronse programacións específicas para seguir apostando pola concienciación e visibilización desta realidade.