O plan Urkullu e Galicia.

O lehendakari Urkullu vén de propor unha fonda reforma do marco xurídico-político español para acadar o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e máis a capacidade de decisión e garantía dunha relación bilateral de Euskadi e Nafarroa, ao abeiro da normativa constitucional que abeira os dereitos forais destes territorios e, tamén, de Catalunya e Galicia como nacionalidades que decidiron democraticamente o seu autogoberno antes de que aprobaran a Constitución.

A proposta elude unha reforma constitucional formal, consciente da falla estrutural dos 3/5 de deputados e senadores precisos para irmos á súa máis curta e limitada modificación e opta, xa que logo, por un acordo-marco que fixe os alicerces para este desenvolvemento, ao que seguiría unha convención constitucional. Despois —compre deducirmos— haberían seguir as leis orgánicas, novos estatutos de autonomía e reformas das leis básicas precisas para estruturar esa modificación material do marco xurídico-político. Conxunto de reformas normativas que poderían chegar a descentralizar amplamente o goberno do Poder Xudicial e limitar substancialmente as competencias do Tribunal Supremo, canda ampliar e blindar as competencias de Galicia e modificar substantivamente o financiamento autonómico, mesmo coa posibilidade de lle atribuír ao país a recadación, xestión e liquidación fiscal.

A Faes, o PP e outros voceiros do unionismo centralista opoñen a esta mutación constitucional material os principios da soberanía única do Estado e da súa unidade indisolúbel. O camiño cara unha mutación constitucional que recoñecera a plurinacionalidade do Estado e o dereito de decidirmos requiriría, segundo estes desaquelados intérpretes, dunha reforma constitucional agravada (voto dos 2 /3 das duas Cámaras, disolución posterior das mesmas e referendum ratificatorio de toda a cidadanía española). Para eles a Constitución é irreformábel, mais nin Galicia, Euskadi e Catalunya nin a maioria cidadá no Estado haberíamos pasar por condena semellante.

“A sentenza 42/2014 do Tribunal Constitucional (…) recoñece que o principio democrático esixe non só respectar senón integrar as decisións das minorías”

A sentenza 42/2014 do Tribunal Constitucional (que anulou a declaración de soberanía de Catalunya do Parlament de 23.01.2013, mais declarou a constitucionalidade do recoñecemento do seu dereito a decidir dentro duns determinados parámetros) recoñece que o principio democrático esixe non só respectar, senón integrar as decisións das minorías (tamén das nacionalidades) a xeito dun proceso de negociación que pode, se non abeirar declaracións unilaterais de independencia, si excluír o rexeitamento a negociar decisións futuras constatábeis e democráticas da cidadanía galega, vasca ou catalá.

O BNG aínda non avaliou esta proposta, malia que encaixe ao cento por cento na súa, arestora, multifronte reivindicación (financiamento, autogoberno, infraestruturas, enerxía…) da axenda galega.

O presidente Rueda, pola súa banda, non refugou a proposta, o que de certo agoira tensións futuras do PPdeG canto á cuestión nacional galega no caso de que Sánchez acadara a investidura nesta enleada conxuntura. Como escribiu esta semana José Luis Gómez, Urkullu vén de xerar un debate fulcral para Galicia.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.