O “picnic pop” de Vive Nigrán quenta motores para encher de música e gastronomía o Val Miñor

Vive Nigrán collerá o 19 e 20 de xullo a testemuña de PortAmérica nos #RíasBaixasFests e ofrecerá máis música, máis gastronomía e novas actividades

Nigrán | Música, gastronomía, obradoiros infantís, novas actividades acuáticas con bautismos de kayak e surf, ou unha travesía en catamarán ata ás Illas Cíes con concerto e tapas a bordo, son so algunhas das citas que ofrecerá este ano o Festival “Vive Nigrán”, integrado na marca “RíasBaixasFests, o circuíto que agrupa aos sete grandes festivais do verán na provincia, que promove a Deputación de Pontevedra. A presidenta Carmela Silva asistiu hoxe en Praia América, xunto a Monte Lourido, á presentación desta terceira edición do Festival que se desenvolverá na fin de semana do 19 e 20 de xullo.

Carmela Silva destacou que “en pouco tempo este festival consolidouse,integrado na nosa marca que desde fai cinco anos nos sitúa no mapa dos grandes circuítos”

A presidenta da Deputación lembrou “a grande idea do alcalde Juan González fai tres anos de que Nigrán tivese un festival potente e de calidade” e felicitou igualmente á organización por “arriscados e valentes que conseguiron consolidar este evento”. Carmela Silva recordou que a maior parte do turismo que ven a provincia “non so busca sol e praia senón ocio e cultura, polo que os Festivais Rías Baixas xa son unha marca propia que pon á provincia no mapa dos grandes circuítos”. A presidenta provincial confirmou que a Deputación, como no resto dos festivais, terá en Vive Nigrán unha carpa propia de igualdade para previr o acoso e as agresións sexuais coa campaña “Eu decido, ti respectas“, e outra da campaña “Experiencias Sostibles” que este ano está a concienciar na loita contra os plásticos, “unha campaña fundamental, dixo Silva, porque millóns de toneladas de plásticos están a destruír o planeta”.

Este ano en Vive Nigrán repetirase a excelente combinación de boa música, gastronomía, lecer, ambiente familiar e un paradisíaco emprazamento “a 20 metros do mar”, como lembrou o promotor Juan Rivas. O Director do certame subliñou que a gran novidade do cartel dos concertos será Novedades Carminha, xunto a Ángel Stanich, As Chillers, Hidrogenesse, Meneo, Delafé, Os Nastys, Os Vinagres, Monterrosa ou Adriana Proenza entre outras bandas. Amais, haberá obradoiros e actividades para todos os públicos aínda que este ano hai que destacar a travesía en catamarán con música e tapas a bordo que terá lugar o xoves 18 de xullo, e o sábado haberá entrada gratuíta ata as 18.00 horas. A gastronomía, con produtos da terra, será novamente protagonista, aínda que combinará as tapas de deseño coa tradicional presenza de pulpeiros.

O alcalde de Nigrán, Juan González, uniuse aos bos desexos desta cita, “aínda que sabemos que vai ser un auténtico éxito”, e deu “a benvida a todas e todos os que veñan a Nigrán porque este festival é único porque cando remata a xente sae feliz dun lugar que, amais, é irrepetible”