O pesadelo de Isabel La Católica Ayuso.

Nun daqueles días de cacería polo Caribe, Hernán Cortés entrou na Riviera Maya e confundiu aos bronceados turistas con indíxenas que se agochaban debaixo das palleiras con medio corpo mergullado baixo a auga e na man un daiquiri.

Isabel botouse a correr horrorizada en canto viu que o azul turquesa da auga comezaba a tinguirse de vermello, sangría que lle recordou aos vídeos de propaganda do Estado Islámico.

A Católica berraba o nome do seu rei Fernando de Aragón y Quirón mentres cadáveres decapitados, que continuaban correndo uns metros antes de desplomarse aos seus pés, obstaculizábanlle a escapatoria daquel inferno. Durante a fuxida, víñaselle á cabeza a escena de Apocalipto na que as cabezas rodaban dende o alto da pirámide.

—Prioridad Nacional señor Cortés, Prioridad Nacional— suplicaba para que o seu heroe comezase acoitelando aos nacidos naquela España tan lonxana da que agora renegaba para no ser sacrificada ou escravizada das primeiras.

Isabel, confundida cunha maya yucateca, foi capturada para servizo doméstico e ser abusada no domicilio de Hernán.

“O pesadelo transformouse nun fermoso e romántico soño no que ela pasou a ser a protagonista absoluta: a mismísima Malinche”

Chegados a este punto, o pesadelo transformouse nun fermoso e romántico soño no que ela pasou a ser a protagonista absoluta: a mismísima Malinche, da que o militar estremeño namorouse apaixonadamente. Froito do amor entre Malinche e o conquistador naceu Martín, e xusto nese instante, “comezaron os cinco séculos de mestizaxe, marcados pola esperanza, a alegría e as alianzas”.

Ayuso, en vixilia xa era unha lacaia dos poderosos gobernos americanos e israelís. Polo tanto converterse en amante de Cortés era algo cantado no seus soños de grandeza. Pasou a ser a chivata, a axudar aos estranxeiros a someter ao pobo do que formaba parte. E sen sabelo, a primeira india da que nacería o termo “cipayo”.

Como non podía ser doutro xeito, foi Miguel Ángel Rodríguez quen a espertou na mellor parte desta experiencia onírico sentimental. Ao agacharse a coller unha botella de Aguascalientes, tequila envellecida moi apreciada, desequilibrouse e caeulle enriba.

Aturdida, desorientada, e aínda baixo os efluvios dos daiquiris, comezou a repetir como un papagaio:

—Méjico se escribe con j, Méjico se escribe con j, Méjico se escribe con j. Que non vos enterades!

A pesares das salvaxadas que viu no seu soño, na vida real continuou a súa historia de amor co conquistador. Tomáralle gusto a infrinxir dor sen remorsos e seguiu ofendendo ao pobo mexicano con declaracións como:

“México no existió hasta que llegaron los españoles e é un narcoestado totalitario e violento”.

Agora, xa de volta na capital, toma o sol na terraza do seu ático por medo a que Hernán Cortés reapareza, non a recoñeza e baixe directamente ao metro en busca dunha de tantas Malinches, que segundo dela transitan polas estacións madrileñas, para sentirse de novo en Tenochtitlan.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.