O Pereiro aprobou un plan contra os lumes forestais

Pide outra brigada máis para o control de incendios

O Pereiro de Aguiar | O Pereiro conta xa co Plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais. Trátase dun complexo documento que establece as franxas de xestión da biomasa para evitar ou minimizar o risco que para persoas ou vivendas poidan ter os incendios forestais.

“Dada a enorme dispersión e densidade da poboación, no Concello hai 15.600 parcelas afectadas pola xestión da biomasa (obrigación de telas limpas para evitar a propagación de incendios) o plan é un instrumento moi útil para seguir avanzando na loita contra esta lacra na que todos temos a obriga de actuar e para que, agora, contaremos con este completo instrumento legal que nos dá seguridade xurídica e facilita o cumprimento das obrigas,” explica o alcalde Luis Menor.

“Este ano vamos a dispor novamente da brigada de incendios e solicitamos a ampliación a unha segunda para cubrir máis tempo e facer ampliar prevención. Ademáis contamos co noso GES e cos voluntarios da AVPC de Pereiro,” concreta o rexidor.

Recoñecemento público
A totalidade dos grupos políticos municipais aprobou o recoñecemento público a todas as persoas que se comprometeron especialmente na loita contra a Covid- 19.

“Non queremos esquecernos de ninguén e desexamos que todo o mundo se vexa recoñecido nesta declaración, recorda o alcalde: persoal sanitario, de servizos sociais e sociosanitario (axuda no fogar e residencias de maiores), comunidade educativa, persoal de emerxencias e protección civil”.

“Tampouco dos membros de Forzas e Corpos de seguridade, traballadores do Concello, mulleres que fabricaron no seu fogar máscaras cando era imposible compralas en calquera lugar , e calquera outras persoas que colaboraron para afrontar unha situación de tanta gravidade e que tanto dano causou.

Tamén queremos ter un recordo para as persoas que faleceron e aos seus familiares e aquelas que aínda hoxe arrastran secuelas desta terrible pandemia. Igualmente acordamos solidarizarnos con todalas persoas que a pendemia lles supuxo un grave quebranto económico e social”.

Outros temas tamén aprobados en sesión plenaria foi unha modificación de crédito para, entre outros obxectivos, lanzar as liñas de subvencións de apoio as familias (nacemento de fillos, familias numerosas, compra de material informático de apoio ao estudo. Aprobouse a conta xeral do exercicio 21 de xeito definitivo en tempo e prazo legais.