A posta en escea do pasado 15-X no Gaiás non foi o nacemento de ningún pacto histórico pola nosa lingua, senón a consumación dun simulacro publicitario. O goberno de Alfonso Rueda, logo de máis de vinte meses mareando a perdiz dende a publicación dos terríbeis datos de perda de falantes do IGE, pariu un documento cosmético deseñado para conxelar o esmorecemento do galego de costas á realidade. Unha estratexia de dilación calculada para dar unha falsa imaxe de centralidade moderada mentres, por baixo, mantense intacta a folla de ruta do asimilacionismo cultural e o esfarelamento dos dereitos lingüísticos da nosa cidadania que pariron Feijóo e Rueda no 2009.
A fenda entre este rascuño gobernamental e o verdadeiro consenso técnico e social do país é arrepíante. A proposta de Plan de Normalización Lingúística (PNL) da Xunta racha co espírito vinculante e coa ambición de intervención pública do histórico PNL de 2004, abeizoado na altura polo consenso parlamentario (PPdeG de Fraga, BNG e PSdeG) rachado polo PP na campaña das eleccións nacionais galegas de 2009 e coa aprobación do vixente Decreto 79/2010 que prohibe o galego na docencia da física, química, tecnoloxía e matemáticas e o exclúe de facto na escola infantil urbana.
Este contraste entre a falla de executividade da proposta do PNL 2026 da Xunta non se da só a respecto do PNL de 2004, senón tamen a respecto do informe “Un país coa súa lingua” (2025) do Consello da Cultura Galega (CCG) e coa proposta de Queremos Galego “O galego, lingua vital” de maio de 2026. O CCG esixe unha mudanza estrutural con 95 medidas auditábeis externamente e o documento de Queremos Galego reclama a derrogación inmediata do marco xurídico segregador, mentres o texto do Gaiás confía a supervivencia do idioma á mera boa vontade e a recomendacións voluntarias asimétricas. Constituíndo, de vez, unha expresa renuncia do sector público a exercer como motor da normalización.
“Entendaseme a xeito. O paripé é da Xunta”
Entendaseme a xeito. O paripé é da Xunta. As persoas e institucións que concorreron o acto do Gaiás ou partillaron o proceso para a súa elaboración son nmerecentes de toda caste de respecto e consideración, pola súa boa fe e o seu sentido institucional, en xeral e, na meirande parte dos casos, polo patriotismo amosado. Velaí o traballo da Irmandade Xurídica Galega (IXUGA), protagonista do pulo ao uso do galego comprometido polo Goberno do Estado a respecto das forzas de seguridade ou da tradución ao galego da nova aplicación Atenea, condición imprescindíbel (mais non abonda) para desenvolvermos a admonistración de xustiza na nosa língua. Mais ao tempo, compre recoñecermos a coherencia política e o acerto sociolóxico dos que decidiron non partillar do proceso nin avalar coa súa presenza no Gaiás un rascuño que xa nacía eivado polo veto partidista do presidente Alfonso Rueda e do conselleiro de Educación Román Rodríguez.
O documento da Xunta non abre de ningún xeito a porta á reforma do Decreto 79/2010, de uso do galego no ensino. A suposta apertura da Xunta a unha reforma do Decreto de existiren “unanimidade” foi unha finta táctica verbal do conselleiro de Lingua na presentación no acto. Verémolo axiña cando o PPdeG vete as emendas á totalidade e parciais ao respecto que presenten BNG e PSdeG no trámite parlamentário. A liña feijoosista de 2010 segue a vetar calquera proposta poara implementar a necesaria inmersión lingüística que o galego precisa para sobrevivir.
O rexeitamento total á cativa proposta da Xunta sobordou con moito o ámbito do soberanismo e do galeguismo político. PSdeG, BNG, CIG, CC.OO, UGT e a Federación Galega de Anpas Públicas foron unánimes na súa denuncia da falla de executividade e compromisos normativos da proposta de novo PNL, que tamén está orfa de todo de compromisos orzamentarios. Sem recursos riba da mesa non hai PNL posíbel.
O camiño que se abre agora, no eido preparlamentario e parlamentario, asulagará ao PPdeG nun illamento histórico. Durante a fase de exposición pública, o tecido cultural, institucional e sindical esnaquizará o texto con alegacións e ditames técnicos acaídos na orde filolóxica, sociolingüística, xurídica e económica. Cando a proposta de PNL chegue ao pazo do Hórreo, o PPdeG aplicará a súa maioría absoluta para aprobar en solitario unha estratexia que carece de apoio social, rachando a tradición histórica de consenso sobre o noso idioma propio.
Ese consenso que racharon Feijóo e Rueda. Os mesmos que impiden que volva xurdir.





