Nun movemento sen precedentes no mapa político das Illas Británicas, os líderes dos gobernos de Gales, Escocia e Irlanda do Norte veñen de asinar na capital galesa de Caerdydd (Cardiff en inglés) un acordo histórico que redefine a relación entre os pobos sen Estado e os centros de poder tradicional de Westminster. O pacto non é un mero xesto simbólico nin unha declaración de boas intencións. Pola contra constitúe unha verdadeira arquitectura xurídico-política orientada a democratizar o dereito a decidir e a abrir unha fenda irreversíbel na estrutura política do Reino Unido.
Fronte ao bloqueo institucional imposto dende Downing Street —que teima en negar a realidade plurinacional e en pechar as vías legais para a consulta democrática—, o pacto conxunto do/as premier escocés John Swinney, galés Rhun ap Iorwerth e norirlandesa Michelle O’Neill, artella como principio irrenunciábel a lexitimidade democrática das nacións, alicerzada na vontade expresada por cadansúa cidadanía e non na concesión graciosa dun Parlamento británico que actúa a xeito dun xefe de Estado absolutista na materia constitucional.
A clave deste paso adiante é a superación das vellas estratexias illadas. Até hoxe Westminster xogara con mestría a dividir os ritmos do soberanismo: concesións tácticas a Belfast en función do Acordo de Venres Santo, portazos xudiciais a Edimburgo a través do Tribunal Supremo, e un cálculo de marxinación cara ao soberanismo galés. A cimeira de Caerdydd/Cardiff creba esa lóxica. Ao acordar un Memorándum de Entendemento tripartito os tres gobernos asumen que a tutela constitucional de Londres é unha eiva común que require dunha resposta xurídica e política coordinada.
O documento fixa unha esixencia clara: a creación de mecanismos legais estábeis e obxectivos que garantan o exercicio da autodeterminación cando exista unha maioría parlamentaria ou social que así o requira. Xa non se trata de rogar unha Section 30 para Escocia ou de agardar pola decisión discrecional do Secretario de Estado británico para un Border Poll na Irlanda unificada, senón de codificar o dereito a decidir como unha regra xeral de convivencia democrática.
“O documento fixa unha esixencia clara: a creación de mecanismos legais estábeis e obxectivos que garantan o exercicio da autodeterminación cando exista unha maioría parlamentaria ou social que así o requira”
Existe un elemento divisor de augas no Pacto de Cardiff: a común vocación europeísta. O Brexit foi imposto contra a vontade maioritaria de escoceses e norteirlandeses, e causou profundos danos no tecido produtivo e social de Gales. Velaí que a proposta estratéxica aprobada na cimeira vincula de xeito indisolúbel a soberanía nacional coa adhesión á Unión Europea.
A reincorporación destes territorios ao espazo europeo non se contempla como un proceso subordinado á diplomacia británica, senón como unha integración propia e directa. A lección é clara: a soberanía no século XXI non consiste no illamento, senón na capacidade de participar con voz propia nas decisións continentais.
A lección que deixa este acordo atlántico transcende as Illas Británicas e interpela directamente á Europa do Sur. O centralismo español, ancorado nunha interpretación sacrosanta e inamovíbel da unidade estatal, comparte cos sectores máis reaccionarios de Westminster o mesmo medo á democracia directa e ao voto dos cidadáns.
“A lección que deixa este acordo atlántico transcende as Illas Británicas e interpela directamente á Europa do Sur”
Fronte a un Estado español que utiliza o aparello xudicial e o bloque de constitucionalidade para pechar as portas ás demandas de Galiza, Euskadi e Catalunya, a cimeira de Caerdydd/Cardiff amosa o único camiño eficaz do artellamento dunha Galeuscat operante e estratéxica. Non abonda xa con acordos de solidariedade declarativa. Pola contra ( e sen prexuizo de que cada país actúe na defensa dos seus propios e distintos intereses), cómpre coordinar a acción institucional e parlamentaria para condicionar as maiorías de goberno en Madrid, esixir o recoñecemento das nacións sen Estado e coordinar unha estratexia conxunta diante das institucións europeas.
Se Gales, Escocia e Irlanda demostran que a unión dos pobos pode pór contra os cordas a Westminster, a alianza das nacións do Estado español habería ser o motor que faga saltar os muros do centralismo e abra as portas ao dereito a decidir das nacións europeas.





