O Open “Vila do Corpus” busca o seu sitio na elite do tenis

A XVI edición contará con 170 participantes de España, Portugal e EEUU

Ponteareas | O concello de Ponteareas vestirase de gala este venres, día 26, a partir das 16.00 horas, para dar comezo á disputa do “XVI Open de Tenis Vila do Corpus” nas pistas da Freixa, unha edición que implica un gran salto de calidade, ao estar incluída e ser puntuable para o Circuíto de Nacionales da Real Federación Española de Tenis. Unha circunstancia que influirá directamente no alto nivel dos participantes, máis de 170 chegados de toda España, Portugal e mesmo de EEUU.

Do día 26 de xuño ao 5 de xullo haberá competicións nas categorías de benxamín, alevín, infantil, cadete, veteranos +35, +50 e +60 alén do torneo absoluto masculino e feminino. Organizado polo Club Tenis Ponteareas en colaboración co Concello de Ponteareas, Deputación de Pontevedra, Deporte Galego da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Tenis esta cita deportiva repartirá trofeos aos campións e finalistas nas categorías desde benxamín ata veteranos e 3.000 euros en premios en metálico para a competición absoluta masculina e feminina.

O presidente do Club de Tenis Ponteareas, Juan Carlos Márquez, quen estivo acompañado polo membro da directiva, Juan Manuel López, puxo de manifesto a súa satisfacción porque a proba “sexa incluída no Circuíto de Nacionales da Real Federación Española de Tenis”, aclarando que “son moi poucas as probas que desfrutan dese privilexio e supón un premio a tods unha longa traxectoria”. Unha circunstancia que terá o seu reflexo positivo nunha participación de nivel, contando co destacado tenista galego, Iago Domínguez, gañador na edición 2024 e finalista na edición do 2025.

O Concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez, puxo de manifestou a súa satisfacción por colaborar cun evento “que vai gañando en importancia ano tras ano, froito do gran traballo que se está facendo desde o Club de Tenis de Ponteareas”. Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, amosou o seu “orgullo e satisfacción por ver como Ponteareas se sitúa unha vez máis como un referente deportivo, acollendo unha proba que figura entre as máis importantes de España”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.