
Mos | O Concello de Mos presentará este venres, ás 20:30 horas, o proxecto “Novo Puxeiros”, unha actuación estratéxica chamada a impulsar o desenvolvemento dunha das principais áreas de crecemento do municipio.
A proposta dá continuidade aos obxectivos definidos polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobado en 2017, que identificaba este ámbito como unha actuación prioritaria para consolidar o núcleo urbano de Mos e fortalecer a estrutura urbanística municipal.
Baixo o lema “ConstruíMOS Futuro”, o Concello presentará unha proposta que redefine a maneira de entender o desenvolvemento urbano en Mos. A actuación abrangue unha superficie total de 32.617 metros cadrados, configurando un novo ámbito urbano no que o espazo público se converte no principal elemento vertebrador. A ordenación reserva preto de dous terzos da superficie para usos públicos, con amplas zonas verdes, novos equipamentos, espazos de convivencia e unha mobilidade máis accesible, configurando un desenvolvemento urbano pensado para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
ovo Puxeiros constitúe o primeiro paso dunha estratexia municipal orientada a fortalecer os núcleos urbanos de Mos, promovendo un crecemento máis ordenado, equilibrado e sostible. O proxecto permitirá crear máis de 10.500 metros cadrados de zonas verdes e espazos libres, un novo equipamento municipal de 3.246 metros cadrados para uso cultural, de lecer, actividades comunitarias e servizos municipais; máis de 110 prazas de aparcadoiro público e 240 vivendas, das que 80 serán protexidas. En conxunto, o 63,5 % da superficie reservarase para dotacións públicas, unha porcentaxe que reflicte a clara aposta por un urbanismo no que o interese colectivo ocupa un lugar central.
A presentación servirá tamén para explicar os criterios que guiaron a definición desta actuación e a visión de futuro que o Concello de Mos quere impulsar para Puxeiros e para o conxunto do municipio, cun modelo que combina desenvolvemento residencial, espazo público de calidade, sustentabilidade e novos servizos para a cidadanía. Na presentación, Nidia Arévalo estará acompañada por Xavier Rivas, de Ótima, e polos arquitectos José Luis Quintela e Enrique Gil, de Quintela+Gil Arquitectos, equipos responsables da redacción da proposta do Novo Puxeiros.




