“O noso mundo, o noso futuro” exponse na Guarda

Do 10 ao 26 de xaneiro na Casa dos Alonso

A Guarda | O vindeiro martes día 10 de xaneiro de 2023 ás 10:00h terá lugar na Casa dos Alonso a inauguración da Exposición “O noso Mundo, o noso futuro, a nosa opción”, que estará ata o próximo 26 de xaneiro, día da educación ambiental.

Neste acto de inauguración contarase coa visita do alumnado do Colexio PP Somascos da Guarda, que serán recibidos polo Alcalde da vila, Antonio Lomba e a Concelleira de Medio Ambiente, Montserrat Magallanes.

Moitas das actividades que realizamos na nosa vida cotiá provocan, directa ou indirectamente, emisións de gases de efecto invernadoiro, e por tanto, contribúen a un dos principais problemas ambientais deste século: o cambio climático. A subida do nivel do mar, as ondas de calor, tormentas, inundacións,… son algunhas das consecuencias que por todo o planeta provocará o cambio climático. Nas nosas mans está impedir que isto suceda, pero é preciso que todos os actores sociais involúcrense na loita contra este fenómeno global.

Tamén cabe dicir que a temática do cambio climático é complexa, e como consecuencia hai un gran descoñecemento sobre el por parte da cidadanía. Con esta exposición preténdese dar a coñecer a todos os galegos e galegas o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia.

Ademais tenta estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.

Esta exposición está baseada no proxecto CLARITY – Acción Educativa polo Clima – pretende contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e respostas que se están propoñendo para facerlle fronte.

CLARITY, deseñada en formato CD, é unha ferramenta que facilita a centros educativos, asociacións culturais, municipios e calquera outra organización interesada, a montaxe da súa propia exposición sobre cambio climático e a organización de actividades relacionadas.

A exposición conta con 19 paneis, ademais de un vídeo curto de 15 minutosque será proxectado no Salón de Plenos.