“O noso comercio é parte de ti. Merca aquí, Ponteareas gaña”

O Concello arrancou a campaña de apoio ao comercio local
A campaña pretende impulsar o comercio local ponteareán coa distribución de 5.000 dípticos e 500 carteis.

Ponteareas | O Concello de Ponteareas quere incentivar as compras no comercio local co lanzamento da campaña “O noso comercio é parte de ti. Merca aquí, Ponteareas gaña”. Durante a presentación desta iniciativa, a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, destacou o traballo da Federación do comercio, hostelería e servizos Banastra para axudarnos a sacar adiante “esta campaña en positivo, orixinal, pedagóxica e eficaz para promocionar o noso comercio”.

A campaña de promoción iníciase coa distribución de 5.000 dípticos e 500 carteis onde se recollen as virtudes do comercio local para animar ás persoas consumidoras a facelo en Ponteareas.

Na campaña saliéntase que “no comercio local hai de todo, de calidade e confianza e co mellor servizo e a mellor atención”, ademais de poñer en valor que “todo o comercio está a man e a poucos minutos, nun entorno agradábel con áreas peonís para mercar paseando e con facilidades para estacionar de balde en aparcamentos e rúas con zona azul”.

A alcaldesa, Cristina Fernández, explicou que a campaña é o resultado “do compromiso e do acordo acadado entre o goberno e as asociacións de comerciantes nunha reunión celebrada o 2 de decembro pasado”.

Nese encontro, sinala a alcaldesa, “todos estivemos dacordo en que era necesario emprender unha campaña de promoción do comercio local concienciando á poboación das súas virtudes así como dos efectos positivos que para o comercio conlevará o novo modelo de vila e de mobilidade”. Cristina Fernández salientou a “responsabilidade e seriedade” da asociación maioritaria de comerciantes, Banastra, frente á Asociación minoritaria que se desmarcou do acordado e realizou a súa propia campaña transmitindo unha imaxe negativa de Ponteareas.

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, destacou que o comercio local “atende as nosas necesidades, son persoas que coñecemos como veciños e veciñas, son os que pagan impostos aquí para ter mellores servizos, danlle vida ás nosas rúas e prazas e crean moito emprego”. Por iso, en palabras da concelleira, o lema da campaña é “mercando aquí gaña Ponteareas, non só os e as comerciantes, senón toda a poboación, a diferenza do que acontece cando concentramos os beneficios das nosas compras en poucas mans e en lugares alleos a nosa vila e ao noso país”.

Eva Gil tamén engadiu que a campaña non se vai quedar só nunha acción de Nadal. “Vai ser continua e permanente e contará con varias fases, con novos materiais e novas mensaxes dirixidas a concienciar á poboación das consecuencias que ten mercar en plataformas de multinacionais produtos que podemos atopar en Ponteareas”.

Un modelo de mobilidade e de vila
O concelleiro de Mobilidade, Roberte Mera, tamén destaca que a campaña dá a coñecer o modelo de vila que é Ponteareas. Os dípticos e os carteis inclúen todos os aparcadoiros e rúas con zona azul que ofrece Ponteareas, que suman máis de 2.000 prazas de estacionamento diarias, sen contar o resto de aparcadoiros en calzadas.

Ademais, tamén informa sobre a posibilidade de acceder en vehículo ás áreas peonís cando é realmente necesario, para recoller compras voluminosas ou pesadas ou para persoas con mobilidade reducida. Mera salientou que as novas áreas peonís animan a mercar paseando e lembrou que “o negocio non está nos coches pasando por diante dos comercios, senón na xente, porque os negocios se descubren camiñando e non dende un vehículo”.

A presidenta da Asociación de Comerciantes Banastra, Yolanda Carballido, amosou a súa satisfacción pola campaña en cuxo deseño tamén participou: “cremos que é un acerto, con lemas claros e directos, información obxectiva e útil e un deseño moderno e atractivo para promocionar o comercio local”.

Carballido remarcou que Banastra “traballa en positivo polo comercio para que Ponteareas sexa vista por toda a comarca como o seu gran centro comercial”. Ademais advertíu do comercio online das grandes plataformas como “o gran inimigo actual do comercio local” e considerou un grave erro facer campañas negativas de Ponteareas “que só prexudican ao comercio local”.

Ponteareas reclama á Xunta solucións para a crítica situación do Centro de Saúde e o PAC da vila
O Concello de Ponteareas, a través da súa alcaldesa e concelleira de Sanidade, Cristina Fernández Davila, reclama á Xunta a solución “da situación crítica e caótica que están a sufrir no Centro de Saúde e no PAC dende fai un meses”. “A situación é cada vez máis insostible e non están a atender as necesidades básicas de saúde das nosas veciñas e veciños”, avisa.

A rexedora informa que hai 7.500 persoas sen médico de familia asignado e que son atendidos polo servizo de urxencias ou por outros facultativos ou facultativas, cada vez un diferente. Situación que empeorará a partir do día 31 cando unha nova renuncia dun médico deixará a outras 1.500 persoas sen atención estable.

A falta de persoal, que en Nadal e en verán é aínda máis grave, con só un terzo da plantilla, provoca que a veciñanza de Ponteareas teña que enfrontarse a dificultades para contactar co persoal administrativo, para conseguir citas (incluso telefónicas), para consultas presenciais e para facer un seguimento e control de enfermidades crónicas, así como o desvío de probas solicitadas por especialistas ao centro de saúde.

A situación está a ser aínda máis críticas esta semana, xa que os concellos de Mondariz, Mondariz Balneario, O Covelo, As Neves, Arbo e A Cañiza non dispoñen de servizo de pediatría, polo que os e as pacientes son desprazados a Ponteareas, “o que aumenta carga de traballo a unha atención que xa está no seu límite”, denuncia a alcaldesa.

Cristina Fernández tamén lle lembrou ao Goberno galego que coa entrada en vigor do novo PXOM de Ponteareas xa existe a posibilidade real de dispoñer de terreos dotacionais para construír o novo Centro de Saúde. “Puxémonos a disposición da Consellería para reunirnos cos seus técnicos e poder avanzar con axilidade”, explica a alcaldesa.