O Monte Santa Trega terá o seu selo de Correos

Para a emisión filatélica do mes de abril

A Guarda | Na inauguración da exposición filatélica XXV EXFIMIÑO 2021 dedicada a Eliseo Alonso Rodríguez o 27 de novembro do pasado ano, xa demos a noticia da concesión por parte de Correos, dun selo dedicado ao Monte Santa Trega.

Hoxe fíxose pública a noticia, aparecendo na listaxe de emisións para o mes de abril a imaxe do noso buscado e ansiado selo.

Fagamos un breve repaso pola historia desta procura do selo.

O Grupo Filatélico Guardés, así chamado nos seus comezos, era unha sección da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla. O Grupo filatélico seguía as mesmas inquietudes que a Sociedade Pro-Monte, que era fomentar e promocionar o noso pobo da Guarda e do Monte Santa Trega. Por iso, na acta do 4 de abril de 1965, aparece reflectida que: solicitaron á Comisión 4ª do Consello Postal un selo con algún motivo do Baixo Miño ou do seu famoso Santa Tecla. Nesta ocasión non tiveron fortuna.

38 anos despois, en 2003, unha nova Xunta Directiva, xa como Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, vólveo a tentar. O directivo Antón Ferreira elabora un completo e fabuloso dossier sobre o Monte Santa Trega onde inclúe un bosquexo do que podería ser o selo. Pero tampouco houbo sorte.

Nesta nova Xunta Directiva, un dos seus proxectos, era conseguir o prezado selo que vén perseguindo desde hai xa 57 anos, e por fin conseguiuno.

Despois de recibir a carta de aceptación, enviáronselle varias imaxes do que a Xunta Directiva quería que se mostrase na imaxe do selo. Finalmente, o equipo de maquetación de Correos, elixiron unha fotografía que realizou a nosa secretaria, Marta Verde, en 2020 con motivo do cuño postal turístico.

O selo porase en circulación o 21 de abril. Aínda temos que esperar un pouquiño para poder polo en circulación e difundir a cultura do pobo da Guarda por todo o mundo.

Características do Selo:
Procedemento de impresión: Offset
Papel: Autoadhesivo fosforescente
Tamaño do selo: 74,6 x 28,8 mm
Efectos en prego: Prego de 15 selos
Valor postal de cada selo: 2,70€
Tirada: 135000 selos

Obradoiro de Canto “Con Voz Propia”
O Concello da Guarda, organiza no mes de abril o Obradoiro de Canto “con Voz Propia”.

Esta actividade, que será impartida por Cristal Méndez de Maga de Voz, realizarase todos os xoves en horario de 10:00h a 12:30h dende o 21 de abril ata o 23 de xuño, cun total de 25h.

Trátase dun Obradoiro de canto para mulleres no que se busca o empoderamento das participantes a través da voz e do canto.

As inscricións están xa abertas no Centro de Información á Muller (CIM) da Guarda, na Praza de San Marcos(ao lado do Xulgado de Paz), no teléfono 986 61 4648 e no enderezo electrónico muller@aguarda.es

Esta actividade conta co financiamento e apoio do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero.