O IGADI organiza mesa redonda sobre “O Muro de Europa contra as persoas refuxiadas”

NDEA_Cartaz Mesa Redonda Europa Refuxiados IGADI Concello de Nigrán (1)

Nigrán | O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org) e o Concello de Nigrán, organizarán o próximo xoves 12 de maio, a partir das 19:30 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Nigrán (Praza da Constitución, s/n), a mesa redonda “O Muro de Europa contra as persoas refuxiadas”, evento que permitirá reflexionar sobre as consecuencias humanitarias do recente acordo entre a Unión Europea e Turquía, o drama humanitario da persoas refuxiadas de conflitos próximos ás costas mediterráneas, e as implicacións xeopolíticas do conflito de Siria na configuración dun “novo Oriente Medio”.

Moderada pola xornalista Silvia Camesella, esta mesa redonda contará coa participación de Nour al Hussen Villa, politóloga de orixe sirio e galego, activista intercultural e autora do blog “A la Otra Orilla del Éufrates”, onde narra as súas experiencias persoais na Siria baixo o réxime de al Asad e as vicisitudes existentes dentro do actual conflito no país árabe; Felipe Carnotto, fotógrafo freelance e coautor do documental “Exodus. A ruta dos refuxiados” realizado en Grecia, Macedonia e Serbia; e Roberto Mansilla Blanco, analista e investigador do IGADI.

A realización desta mesa redonda en Nigrán coincide coa semana de celebración do Día da Unión Europea (9 de maio), onomástica que permitirá abrir un marco de reflexión e de discusión sobre o contexto que actualmente aborda Europa en materia de crise humanitaria ante a chegada de persoas refuxiadas que fuxen de conflitos como os de Siria, Libia, Iraq, Sudán ou Afganistán. Neste sentido, a celebración deste evento dará lugar á apertura dun fondo de axuda destinada á/os refuxiada/os.