O IES do Barral acolleu unha charla do activista contra a escravitude infantil, Ehsan Ullah Khan

Fundador e presidente dunha organización que ten liberado a máis dun millón de neno/as das mafias que os escravizan

Ponteareas | Nunha tripla sesión, o activista e loitador paquistaní e fundador e presidente Bounded Labour Liberation Front (BLLF) –que leva liberados a máis dun millón de nenas e nenos das mafias que os escravizan–, achegouse na mañá de hoxe ao Instituto de Ensino Secundario do Barral de Ponteareas para que o alumnado coñecese, de primeira man, a historia de Iqbal Masih, un neno paquistaní que foi vendido pola súa familia como escravo para poder pagar a voda do seu irmán maior a un fabricante de alfombras, que foi liberado polo BLLF e asasinado con só 12 anos polas mafias escravizadoras.

Ademais, Ehsan Ullah Khan faloulles da situación en que se encontra boa parte das nenas e nenos do mundo que traballa en xornadas de 12 a 14 horas na industria téxtil, mineira e agrícola de grandes multinacionais que invisten parte dos seus beneficios na compra de persoas escravas.

O activista paquistaní chegou a Ponteareas da man do escritor Alfonso Pexegueiro, cuxa última novela (titulada Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes) ten como protagonista un neno que leva por nome Iqbal que vive en Angoares (Ponteareas) e ten os mesmos problemas que todos os nenos do mundo. Pexegueiro botou 35 anos escribindo este libro e, cando buscaba un nome para o seu protagonista, coñeceu a Iqbal (que se converteu nun símbolo da loita contra a explotación infantil) a través das noticias que testemuñaban o seu asasinato.

O IES do Barral, con esta actividade, continúa a celebrar os 50 anos da publicación de Seraogna (publicado o 10 de maio de 1976), o primeiro poemario do escritor ponteareán e o primeiro libro da Transición para a democracia que mudou o camiño da literatura galega.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.