O Fondo Galego viaxa a Alemaña para achegar a súa experiencia no marco dun proxecto europeo

Asesora a Alemaña e Portugal na promoción das súas redes de cooperación descentralizada a través da iniciativa ‘Redes para o desenvolvemento’

Illa de San Simón | O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participa esta semana en Alemaña nunha xuntanza de traballo do proxecto europeo ‘Redes para o desenvolvemento’. A asociación de Concellos e Deputacións actúa como asesora nesta iniciativa cofinanciada pola UE para apoiar as redes de cooperación descentralizada en Alemaña e Portugal.

O secretario do Fondo Galego, Daniel González, atópase xa na cidade xermana de Esslingen para tomar parte na avaliación do segundo ano do proxecto, no que a entidade está a achegar a súa ampla experiencia neste eido. A ONGD alemá FINE+P e a lusa Instituto Marquês de Valle Flôr, parceiras na iniciativa, estarán tamén no encontro, que estudará a posibilidade de estender a proposta a outros países en 2013.

Coa referencia do Fondo Galego de Cooperación pero tendo en conta as súas propias especificidades, quince municipios portugueses atópanse xa implicados na futura Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento, que está elaborando os seus estatutos. En Alemaña, tamén no marco de ‘Redes para o desenvolvemento’, FINE+P está a promover a difusión de boas prácticas para acadar unha cooperación descentralizada máis eficiente.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!