O festival “Algazara Danzando entre Culturas” namora a Ponteareas

Con música tradicional de Cabo Verde, México e Galicia
A agrupación Batuko Tabanka de música caboverdiana radicado en Burela estivo presente no festival.

Ponteareas | De novo, como cada ano, a música tradicional de distintas culturas do mundo tivo a súa festa en Ponteareas. A última edición do festival “Algazara Danzando entre Culturas” namorou a vila con música de México, de Cabo Verde e tamén de Galicia.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, está “moi contento cos resultados do festival”, e afirma que foi “un éxito en asistencia e en calidade musical”, que se lle debe, en gran parte, ao “gran traballo da Agrupación Folklórica Algazara para sacar adiante esta festa da música internacional”.

Tanto o Concello como Algazara explican que sacar adiante este festival este ano foi difícil. A pandemia, tal e como pasou na pasada edición, complicou moito a presencia de grupos internacionais. Por iso, decidiron apostar por agrupacións de ritmos estranxeiros, pero afincadas en Galicia.

A agrupación Mariachi Vigo tamén deleitou aos presentes coa tradicional música mexicana.

África estivo representada polo grupo de orixe caboverdiana Batuko Tabanka e México polo grupo Mariachi Vigo. Foi unha aposta distinta á dos orixes do festival, pero que tamén tivo grandes resultados.

O concelleiro de Cultura explica que o éxito desta edición, pero tamén das anteriores, comeza a colocar ao festival como unha cita de relevancia para os amantes da música tradicional en Galicia, pero tamén para o público en xeral. “Estou seguro que o festival seguirá crecendo co traballo de Algazara e o apoio que sempre ofrecemos no Concello. Xa temos moitas ganas da vindeira edición”, concluíu Fernando Groba.

Zona azul gratuíta no complexo deportivo Álvaro Pino
Dende este mesmo luns 27 de setembro xa está en funcionamento a zona azul do complexo deportivo Álvaro Pino.

O Concello acometeu hai uns meses a recuperación de todo ese espazo e da contorna do Centro de Saúde, habilitando un total de 166 prazas de estacionamento, 42 delas situadas diante da piscina de dos dous pavillóns municipais que foron sinalizadas como zona azul para o estacionamento por tempo limitado e gratuíto. Ademais instalouse o correspondente parquímetro para a expedición de tíckets.

Este novo sistema estará operativo de luns a venres laborábeis entre as 07.00 e as 23.00 horas.

Este novo sistema estará operativo de luns a venres laborábeis entre as 07.00 e as 23.00 horas, coincidindo co horario de funcionamento do complexo deportivo.

O estacionamento na zona azul estará limitado a un máximo de dúas horas na quenda de mañá (de 07.00 a 15.00 h) e outras dúas na quenda de tarde (entre as 15.00 e as 23.00 h). É dicir, un mesmo vehículo poderá estacionar un máximo de dúas horas en cada unha desas dúas franxas horarias.

Este límite horario responde aos datos do propio Complexo Deportivo, que sinalan unha estancia media nas instalacións claramente inferior ás dúas horas. Para aquelas persoas que fan un uso máis prolongado do estacionamento existen outras 124 prazas sen límite de tempo no resto da contorna do Complexo Deportivo e do Centro de Saúde.

O concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, salientou que “con esta medida repártese de forma racional e equitativa o espazo existente, aténdese mellor a demanda das persoas que precisan acudir en coche e evítase que vehículos alleos ás instalacións acaparen durante moitas horas os aparcamentos”.

Mera animou á veciñanza do centro urbano de Ponteareas a acudir ás instalacións a pé ou en bicicleta.

“Calquera punto da vila atópase, camiñando, a menos de 10 minutos do Complexo Deportivo e agora temos unha contorna nestas instalacións amábel, segura e agradábel que convida a achegármonos de forma saudábel e sustentábel”, explica o edil.

Tendo en conta que as prazas existentes son 42 e que a ocupación máxima é de dúas horas, as prazas dispoñíbeis nas 16 horas de funcionamento do Complexo Deportivo multiplícanse polo menos por 8, converténdose en 336.

Mera salientou o éxito doutra medida semellante posta en marcha recentemente na rúa Real, ao pé dunha farmacia, na que se crearon varias prazas de 10 minutos “que permiten que centos de vehículos paren a diario polo tempo imprescindíbel neste servizo esencial nun lugar onde antes permanecían os mesmos vehículos horas ocupando ese espazo.

Ademais, aseguramos o tránsito peonil seguro nese mesmo lugar que antes non era posíbel pola ocupación permanente de vehículos”.