O Ferry-Boat A Guarda-Caminha retomou o seu funcionamento 

A partir do venres 13 de agosto

A Guarda | O Ferry-Boat que comunica A Guarda con Caminha (Portugal) retomou na tarde deste venres día 13 de agosto o seu funcionamento despois de que no pasado día 23 de xuño o patrón do ferri Santa Rita de Cassia detectase un escoramento anormal na plataforma de atraque do transbordador.

Este feito se puxo, de forma inmediata, en coñecemento dos responsables de Portos de Galicia, na actualidade propietarios e xestores da estrutura e que motivou ao peche desta infraestrutura e á interrupción do servizo.

Despois do peche e da realización de reparacións de urxencia co obxectivo de recobrar a estabilidade da plataforma, dende Portos de Galicia comunicaron ao Concello da Guarda que xa se pode empregar esta infraestrutura pero que non se permitirá o uso da plataforma para o tránsito de ningún tipo de vehículo. Só se autoriza o tránsito de pasaxeiros e bicicletas.

O concello insta a Portos de Galicia a que faga as reparacións necesarias na plataforma para que, a maior brevidade posible, poidan embarcar de novo vehículos dado que o transporte de vehículos é a principal demanda a hora de cruzar o esteiro do Miño en ferri.