O “Entroido de Verán”, unha das grandes citas da Caniza

Rotundo éxito de participación celebrado o pasado 25 de xullo

A Caniza | O Entroido de Verán da Caniza 2026 converteuse este sábado 25 de xullo nun rotundo éxito de participación, organización e ambiente, reunindo a centos de persoas nunha xornada festiva que encheu as rúas da vila de música, cor, creatividade e convivencia. Organizado polo Club Balonmán Caniza en colaboración co Concello da Caniza e co apoio do comercio local, da hostalaría, dos patrocinadores e dun amplo equipo de persoas voluntarias, o evento reafirmou o seu papel como unha das citas festivas máis divertidas, converténdose ademais nun importante revulsivo para a economía local.

Unha xornada chea de actividades
A programación arrancou a primeiras horas da mañá, coa apertura da zona infantil instalada na Praza Maior, na que os pequenos gozaron dos inchables, pintacaras, obradoiros e da batucada participativa. A sesión vermú, amenizada pola Charanga SDK, levou a música polas rúas da vila.

Outro dos momentos máis emotivos foi o pregón pronunciado polos canicenses Brais e Junior, integrantes do equipo Terra Xamón, que recibiron unha calorosa ovación do público como recoñecemento á súa recente participación no UNIRAID 2026, unha aventura solidaria na que percorreron preto de 3.000 quilómetros por Marrocos, repartindo material entre comunidades desfavorecidas.

O desfile e concurso de disfraces volveu converterse no gran protagonista da tarde. Ademais das 18 comparsas e grupos inscritos no certame, foron moitos os veciños e visitantes que decidiron disfrazarse e participar sen competir, ofrecendo unha imaxe espectacular das rúas da Caniza.

As comparsas participantes no concurso foron:
O Pendello de Bad Bunny
Red Velvet
Tribu Xesteira
Dous nunha moto
Intuyes
Las Tóxicas
SuperMarioBross
Zumba-Dos
París 1950
La Neverita
A última tribu e cheghamos tarde
Los máis salaos!
As Chicholinas de Guláns
Chapuzón hacia los 60
Charanga Desordenada
Os Incribles
Nueva Curva
Os Vixiantes do Entroido

A calidade, orixinalidade e elaboración das propostas fixeron especialmente difícil o labor do xurado, que finalmente acordou conceder os seguintes premios:

Mellor Comparsa
Nueva Curva — 700 €

Comparsa Máis Ruidosa
O Pendello de Bad Bunny — 300 €

Comparsa Máis Bailonga
Intuyes — 200 €

Comparsa Máis Currada
Tribu Xesteira — 150 €

Comparsa Máis Orixinal
As Chicholinas de Guláns — 100 €

Comparsa Máis Divertida
Dous nunha moto — 50 € máis unha cesta

Comparsa Máis Veraniega
Os Vixiantes do Entroido — Abono dobre no BM Caniza

O Alcalde Luis Piña, acompañado do presidente do Club Balonmán Caniza, Marcos Estévez, do concelleiro Miguel Anxo Gómez e de Montse Pérez da directiva do CBC, entregaron os premios ás comparsas gañadoras.

O Concello financiou integramente os 1.500 euros destinados aos premios, entregados en forma de vales de compra para consumir no comercio local, reforzando así o seu compromiso coa dinamización económica e co apoio ao pequeno comercio.

A festa continuou ata ben entrada a madrugada coa actuación dos DJs Samu Pexe, Iván Alonso, Khris Guez, Diego Mei, Joy Rúa, Gustavo Álvarez e Tibú, que puxeron o broche final a outra exitosa edición deste entroido.

Na súa intervención o Alcalde destacou a extraordinaria implicación de todas as persoas e entidades que fixeron posible o éxito do evento.

“Quero expresar o meu máis sincero agradecemento ao Club Balonmán Caniza, á súa directiva e a toda a gran familia que hai detrás desta organización. Levan meses traballando con enorme ilusión, dedicación e de maneira totalmente desinteresada para que hoxe a Caniza volvese vivir unha festa exemplar. O seu compromiso merece o recoñecemento de toda a veciñanza.”

“Grazas tamén ao comercio local, á nosa hostalaría, aos patrocinadores, ás persoas voluntarias, aos servizos municipais e a todas as persoas que colaboraron nesta xornada de sábado.”

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.