O edil Baltar non asiste aos plenos de Esgos

O edil Baltar Blanco asistiu ao primeiro pleno do mandato o 13 de xuño de 2015 para tomar posesión como concelleiro, ía de segundo na lista, e desde esa data so volveu a outra sesión plenaria.
Esgos
Baltar Blanco na porta dos xuzgados

Esgos/Ourense | O concelleiro do PP na Corporación municipal de Esgos, José Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación, non asiste ás sesións plenarias desde xullo de 2015, segundo sinalou o único concelleiro da oposición, o socialista Víctor Manuel Pérez. O edil Baltar Blanco asistiu ao primeiro pleno do mandato o 13 de xuño de 2015 para tomar posesión como concelleiro, ía de segundo na lista, e desde esa data so volveu a outra sesión plenaria.

Víctor Manuel Pérez cre que as súas reiteradas ausencias son un «desprezo» ao pobo. Sempre celebramos os plenos ás nove da noite, precisamente para facilitar a asistencia ás persoas que traballan», di o edil socialista, que tamén fai fincapé en que a periodicidade formal das sesións é de dous meses. Pérez compara a actuación de Baltar coa do seu pai e predecesor no cargo, que era concelleiro na capital ourensá e que, salvo excepcións, asistía a todos as sesións.

Ramiro Rodríguez, portavoz do BNG na Deputación, cualificou de insulto o comportamento de Baltar como edil. «A min paréceme unha falta de respecto total aos seus veciños e aos seu pobo. Se foi elexido polos cidadáns ou normal é que apareza nos plenos para contribuír a traballar para mellorar ou seu pobo e as prestacións que se lle dan aos veciños. O que pasa é que como últimamente o está noutro tipo de situacións, de índole internacional, ao mellor os problemas dous veciños que ou elixen e ou votan se lle quedan un pouco pequenos, en relación ás aspiracións que ten e a como se desenvolve nesta casa», segundo Ramiro Rodríguez.

Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensá, considera que esta práctica «demostra o pouco demócrata que é este señor e o desprezo que fai ao seu pobo e aos seus vecinos”. Para Jácome esta postura de Baltar «é o reflexo da súa covardía e do medo que ten de presentarse onde realmente vive, que é en Ourense. E é a proba inequívoca de que esta persoa se vai nunha lista, como é tan odiado, resta votos. Nós queremos que faga como o seu pai, que non era tan odiado, que se presentaba por Ourense e ía aos plenos. Rétoo a que teña valor e que se presente pola cidade. O que pasa é que non se atreve con Ourense».

Francisco Fraga, portavoz do PSdeG na corporación provincial, non considera que a inasistencia de Baltar aos plenos sexa algo que deba suscitar unha valoración de grupo: «Na miña opinión, calquera persoa que ostente ou cargo de concelleiro debe cumprir coa obriga que adquire. Dito isto creo que é unha cuestión sobre a que se debe pronunciar a oposición de Esgos, mais é intranscendente para o PSOE como grupo provincial».

Mario Rodríguez, alcalde de Esgos, sinalou que «Baltar ten outras ocupacións; non é como os demais, que temos máis tempo. El tiña que ir nunha lista para ser presidente da Deputación; decidiu vir por Esgos e nós estamos encantados de que estea». Mario Rodríguez di non entender as críticas do edil socialista. «Para que quere que estea aí? El podar falar igual do que queira», pregúntase o alcalde, que apunta que «hai problemas máis importantes que este dos que preocuparse en Esgos».