O deporte enche O Porriño durante as Festas do Cristo

Máis dun milleiro de persoas participaron en diversas actividades

O Porriño | O Porriño viviu esta fin de semana unha auténtica festa do deporte coa participación de máis dun milleiro de persoas nas diversas probas celebradas no concello, no marco das Festas do Cristo e da axenda deportiva local.

O atletismo tivo o seu punto forte este domingo 13 de setembro coa disputa da XIV Milla Porriñesa “Festas do Cristo”, organizada polo Concello do Porriño e o Club Atletismo Porriño. Con saída e meta na Praza do Concello, atletas de todas as idades percorreron o centro urbano nunha xornada festiva na que os gañadores absolutos levaron a tradicional Bola de Pan do Porriño.

O ciclismo tamén foi protagonista o sábado 12 de setembro coa celebración de La Nocturna 2026, organizada polo Master da Louriña C., que reuniu a 300 de deportistas de múltiples categorías polas rúas da vila. De forma paralela, o fútbol base congregou a numerosos afeccionados no Campo de Fútbol de Atios coa disputa da segunda xornada do torneo Atios Cup, dedicada nesta ocasión á categoría benxamín.

Unha semana chea de presentacións, torneos e a Interrunning CAE 2026
A actividade non se detén na vila, que arranca esta semana cunha completa axenda de eventos. A Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá as presentacións do Porriño Baloncesto Base (martes 15) e do Club Deportivo FSV de patín en liña (mércores 16), mentres que a do Club Ximnasia Rítmica Porriño terá lugar o venres 18 no Pavillón Municipal. No eido do fútbol, o mércores 16 disputarase a fase previa do Torneo Fútbol Senior 3X1 en Mosende (entre o CD Pontellas, CD San Salvador de Budiño e A.D. Mosende), e o sábado 19 pecharase o Torneo Atios Cup coa categoría pre-benxamín.

O calendario deportivo da semana completase cco Torneo de Padel, o Torneo de Tenis Festas do Cristo 2026 Como broche de ouro, o domingo 20 de setembro celebrarase a agardada Interrunning CAE 2026. A organización lembrou que só quedan 3 días para pechar o prazo de inscrición para as súas modalidades de 10K, 5K, Andaina 8K, carreiras infantís e IV CAE Empresas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.