
Santiago de Compostela | A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ve con preocupación os últimos despedimentos nos medios do grupo La Capital, con especial incidencia no DXT Campeón e en xornalistas de maior experiencia, e solidarízase co seu persoal. Así mesmo, chama á dirección a repensar unhas medidas que prescinden dos profesionais máis veteranos, afondando na precarización e no deterioro da información e impedindo a transmisión xeracional dos coñecementos do xornalismo.
Desde 2024, o persoal de Editorial La Capital está a ver con preocupación as decisións tomadas pola nova dirección nas cabeceiras do grupo, especialmente no deportivo DXT Campeón, con eliminación de seccións, recorte de funcións e afastamento dalgúns traballadores e traballadoras dos labores xornalísticos para relegalos a tarefas mecánicas. Estas medidas parecían indicar unha vontade de realizar mudanzas no cadro de persoal, que se materializou de maneira drástica nas últimas semanas co despedimento de sete xornalistas, catro deles do DXT Campeón e o resto de El Ideal Gallego, Diario de Arousa e Diario de Compostela, aos que habería que suman outros tres comunicadores despedidos en febreiro de 2025. A empresa escúdase nas perdas económicas para xustificar estas medidas.
Resulta especialmente desalentador o feito de que a meirande parte dos e das xornalistas despedidas sexan profesionais con máis de quince anos de experiencia. Independentemente da crise económica que poida estar a atravesar Editorial La Capital, a saída das redaccións de persoas con esa bagaxe profesional só pode redundar nunha precarización aínda maior do xornalismo e un deterioro da calidade da información que se ofrece á sociedade. Constantemente se están a substituír nos medios a profesionais experimentados por xornalistas novos con salarios máis baixos e peores condicións laborais. A realidade é que isto non só significa unha perda dos recursos, axendas e capacidades dos e das xornalistas máis veteranas, senón que impide ademais unha transmisión xeracional que permita aos e ás profesionais máis novas aproveitárense dos coñecementos dos seus maiores.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta os despedimentos, solidarízase co persoal de Editorial La Capital e chama a dirección a modificar unha política de xestión do persoal que empeora a información, unha petición que se fai extensiva ao conxunto de medios de comunicación galegos. Un sector como o do xornalismo, tan esencial para o mantemento das liberdades democráticas na nosa sociedade, non se pode mover unicamente por criterios de rendibilidade económica. Ante o aumento da desinformación e o desprestixio da comunicación, a experiencia é tamén un factor imprescindíbel para a defensa dun xornalismo profesional, responsábel e de calidade.




