O Covelo revaloriza o seu patrimonio turístico con “Roteiros 2026”

O programa inclúe sendeirismo, interpretación ambiental e coñecemento do patrimonio

O Covelo | O Concello de Covelo reforza a súa aposta polo turismo activo e pola posta en valor do seu patrimonio natural, etnográfico e cultural coa posta en marcha do programa “Roteiros 2026”, unha proposta pensada para descubrir, sentir e vivir o territorio ao longo de todo o ano.

A través desta iniciativa, veciñanza e visitantes poderán gozar de experiencias únicas na natureza, combinando sendeirismo, interpretación ambiental e coñecemento do patrimonio, sempre da man dun servizo profesional de guía de turismo. A programación arrinca este mesmo mes coa Vía Mariana, nas etapas que percorren Covelo, marcando o inicio dun calendario cheo de actividades para todos os públicos.

A Rede Municipal de Sendeiros, un dos grandes tesouros do municipio, abre as portas a paisaxes de gran beleza e biodiversidade a través de rutas como a Ruta Aqa, Poza Piñeiro, Río Alén, Foxo do Lobo, Xabriña, As Estrelas, Pedra do Lobo ou Val do Louro, consolidando a natureza como eixo central da experiencia turística en Covelo. Como principal novidade desta edición, o programa incorpora:

– As visitas guiadas ao Conxunto Abacial de San Martiño de Barcia de Mera, unha xoia do barroco rural galego que permitirá achegarse ao patrimonio histórico-artístico do municipio dun xeito interpretado e accesible.

– A celebración da Semana Starlight, unha proposta innovadora centrada na observación e interpretación do ceo nocturno, que incluirá a observación do eclipse total de sol previsto para o mes de agosto, convertendo Covelo nun punto de referencia para o turismo astronómico.

O programa complétase coa posta en valor de espazos singulares como o Serradoiro dos Carranos e a Aula da Natureza en Maceira, onde se desenvolverán xornadas de portas abertas para coñecer este destacado exemplo de patrimonio industrial tradicional, ligado á cultura da madeira e ao aproveitamento sostible da auga.

A estas accións súmase o programa educativo “Ríos, Aldeas e Montañas”, dirixido ao alumnado do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, co que se promove o coñecemento do territorio, a educación ambiental e a valorización do patrimonio local desde idades temperás.

Con “Roteiros 2026”, Covelo reafírmase como un destino onde natureza, historia e cultura se combinan para ofrecer experiencias únicas, apostando por un modelo turístico sostible e de calidade. Todas estas actividades están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra. Consulta todos os detalles e novidades en: www.concellodecovelo.es

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.